O Concello de Ourense deberá pagar 2,3 millóns de euros á concesionaria do bus urbano

Bus urbano de Ourense. (Foto: Concello de Ourense).
O xulgado do contencioso ditou sentenza na cal se recoñece o dereito da empresa a recibir esta compensación.

O Concello de Ourense deberá aboar 2,3 millóns de euros á empresa concesionaria do servizo de autobuses urbanos por custos pola prestación deste servizo municipal entre os anos 2015 e 2018.

Así o confirmou o propio consistorio nunha nota de prensa na cal explica que a empresa, "que prestaba o servizo en precario por estar xa caducado o contrato da concesión", presentou un recurso no xulgado en que reclamaba que o Concello lle abonase unha compensación económica que cubrise "os custos reais do servizo e un beneficio industrial de 6%".

O xulgado do contencioso ditou sentenza na cal se recoñece o dereito da empresa a recibir esta compensación. Agora, engade o Concello, na fase de execución desta sentenza, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 dita un auto en que fixa en 5.582.370,99 euros a cantidade que o Concello deberá aboar á empresa por estes conceptos.

En todo caso, sinala que o Concello xa aboara cantidades por importe de 3.282.886,73 euros, polo que agora deberá pagarlle a parte restante, 2.299.484,26 euros.

A reacción de Xácome

O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome, lamentou esta segunda feira en rolda de prensa que o seu Goberno teña que "seguir emendando ou pagando a xestión de mandatos previos" e avanzou que recorrerán o auto do xulgado para "tentar minimizar na medida do posíbel o importante custo que esta resolución suporá para as arcas municipais".

Esta resolución chega pouco máis dun mes despois da fin da folga nos buses urbanos da cidade das Burgas. Após dous anos e medio de negociacións, empresa e sindicatos chegaron a un acordo polo cal se regulan as condicións laborais do cadro de persoal.