O Concello de Oleiros denuncia que Sada impide visitas de escolares ao Pazo de Meirás

Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
O Concello de Sada afirma que o Goberno local de Oleiros "mente deliberadamente" e que "en ningún momento se lle denegou a visita ao Pazo".

O Goberno local de Oleiros, do partido Alternativa dos Veciños, acusou o Goberno de Sada de impedir a visita de escolares do seu municipio ao Pazo de Meirás, algo que os responsábeis municipais sadeses rexeitan.

No seu comunicado, o Concello de Oleiros afirma que tiña concertadas as visitas de catro colexios para febreiro e que as datas estaban acordadas desde outubro co anterior concelleiro, sinala en referencia á etapa do Goberno de Benito Portela, do partido Sadamaioría, antes de que prosperase a moción de censura liderada pola ex edil de Alternativa, María Nogareda.

Sobre as visitas, Oleiros indica tamén que "tiñan concedidos os pertinentes permisos" por parte de Patrimonio do Estado pero que os actuais responsábeis do Concello de Sada "non queren abrir o Pazo entre semana para que os escolares galegos poidan visitalo".

Pola súa parte, o Concello de Sada afirma que o Goberno local de Oleiros "mente deliberadamente" e explica que requiriron por teléfono unha serie de visitas, pero "fóra dos horarios abertos de atención ao público e reserva de prazas a través da páxina oficial do Concello".

"Estas visitas non foron denegadas, indicando que, dado que a situación non se incluía dentro das previsións horarias para a realización das mesmas, debería planificar e xestionar de modo correcto como facelo".

"En ningún momento se lle denegou a visita ao Pazo e se desde o Goberno anterior se lle asegurou a visita ao Concello de Oleiros sen as previsións técnicas necesarias non é a nosa responsabilidade", conclúe.