O Concello de Sada volve urxir a modificación do BIC do Pazo de Meirás para salvagardar o seu patrimonio

Pide á Xunta que "mova ficha" e incoe o expediente para evitar a retirada de bens móbeis por parte da familia Franco.
Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)
photo_camera Escritorio do século XVIII gardado no Pazo de Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)

O Concello de Sada reiterou esta sexta feira a "urxencia" de modificar o decreto Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás para salvagardar os bens móbeis presentes no seu interior.

Tras a vista sobre a titularidade dos bens, lamentou que o Estado non apoiase o incidente presentado polo consistorio, reclamando os bens desde a época de Emilia Pardo Bazán até o ano 1975, con excepción dos que acrediten os Franco que foron postos por eles no edificio.

"En calquera caso, e con independencia do que agora resolva o xulgado, desde o Concello de Sada vense insistindo desde o primeiro momento na necesidade, orixe e urxencia de que Xunta e Estado acorden e resolvan discrepancias", lembraron desde o consistorio.

Exixiron, así, "incoar a modificación do decreto BIC para incorporar os bens móbeis, evitando dese modo a retirada de bens" por parte da familia do ditador.

A respecto desta cuestión, incidiu en que a vía incidental xudicial "ten os seus límites e condicionantes, moito máis cando o Estado non exercitou acción posesoria ou reivindicatoria ningunha sobre a maioría dos bens móbeis",

Por iso, instou de novo a que a Xunta "mova ficha" e incoe de inmediato o expediente de modificación do BIC para incorporar ao mesmo o conxunto de bens móbeis deste recinto.

Os Franco renuncian só a cinco bens

Esta mesma quinta feira os Franco renunciaron a cinco bens do pazo de Meirás no inicio da vista, entre os que están a escultura de San Xosé, uns escudos e un monólito.

Pola súa parte, en declaracións aos xornalistas ás portas da antiga Audiencia da Coruña, o alcalde de Sada, Benito Portela, trasladou entón que manteñen desde o Goberno local "moitas expectativas" sobre o resultado da vista, e remitiuse ao informe pericial "moi preciso" que había presentar na vista para reclamar a titularidade pública dos bens.

Comentarios