Comunidades de montes convocan unha protesta contra a privatización da terra veciñal

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, na rolda de prensa de hoxe. (Foto: Arxina)
A Orgaccmm urxe unha lexislación que estea ao servizo do pobo galego.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm) convocou para este sábado, 15 de outubro, unha mobilización en Santiago de Compostela para defender o seu proxecto de lei de montes veciñais. Esta iniciativa lexislativa popular (ILP) recolle, entre outras cuestións, “frear o roubo dos nosos montes”, segundo indica a organización, desde a que denuncian a pretensión do Goberno galego de privatizar os montes veciñais.

A presentación da convocatoria da protesta, levouse a cabo nunha rolda de prensa esta terza feira en Compostela na que o presidente da Orgaccmm, Xosé Alfredo Pereira, expuxo os motivos da mobilización. O obxectivo principal é “a defensa do monte do man común” así como “acadar no Parlamento galego unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”, explica Pereira a Nós Diario.

“Isto é continuación da loita que está levando adiante a veciñanza comuneira para impedir o roubo dos montes veciñais, unha loita que se iniciou a principios de ano coa recollida de sinaturas para levar adiante a ILP”, que xa foi entregada con 12.000 sinaturas no Parlamento. Pereira indica que é posíbel que esta lei se tramite en novembro.

O responsábel da Orgaccmm denuncia na rolda de prensa que a Consellaría de Medio Rural está elaborando, “de forma escura e antidemocrática”, unha modificación da actual lei. Tamén critica que para a súa elaboración non se teña en conta a opinión das comunidades de montes. Así, informa a este xornal de que a mobilización do sábado busca “amosarlle á Consellaría que a veciñanza comuneira non está polo labor de que se lle roube o monte comunal”.

Ademais da reivindicación da ILP, a Orgaccmm tamén pretende protestar pola "privatización do monte que pretende o PP galego desde que retomou o poder na Xunta en 2009”. A privatización do monte provocaría o tráfico de comercio e a posibilidade de vender e comprar as terras comunais, di Pereira. Para isto, a modificación da lei que está a elaborar a Xunta levaría consigo tres “graves consecuencias”:

En primeiro lugar, permitiría “dotar o monte de persoas xurídicas” e que “entrasen sectores capitalistas e especulativos que non entenden que as terras estean xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira”.

En segundo lugar, suporía “volver a definir o concepto de veciño e veciña comuneira” pois a Xunta busca que tamén conten con esta denominación as persoas físicas e xurídicas relacionadas dalgunha forma co monte; é dicir, “accionistas de celulosa, de empresas mineiras e telefónicas, de Fenosa ou das eólicas serían comuneiros e, polo tanto, terían a capacidade de decidir que facer coas terras”, sostén Pereira.

A terceira modificación provocaría que todos aqueles alugueres, servidumes e contratos con máis de 50 anos, deixen sen capacidade as comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras. “Isto implica perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común”, advirte Pereira.

Por todo isto, Pereira sostén que “a historia do monte veciñal é a historia da resistencia da veciñanza comuneira e do pobo galego” polo que prevé que a mobilización do sábado sexa masiva.

A ILP recolle garantir "a capacidade de decisión da veciñanza"

Un cuarto do territorio galego, arredor de 700.000 hectáreas, equivale a monte mancomunal, segundo apunta Xosé Alfredo Pereira. A figura do monte veciñal na Galiza resulta así moi relevante. É por isto polo que a ILP da Orgaccmm contempla o recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.

Entre outras cuestións, tamén recolle que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais en man común; que se considere a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitarias; que se impida todo tipo de expropiación dos montes veciñais; que se considere como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se estean a realizar nos mesmos e que se garanta a capacidade de decisión da veciñanza comuneira.