Concentración ante o Parlamento denuncia a “expropiación encuberta” dos montes en mancomún

Denuncian o procedemento antidemocrático utilizado polo PP para esta “confiscación en toda regra”.

Manifestación das comunidades de montes, o pasado ano. (Foto: Arxina)
photo_camera (Foto: Arxina)

Comuneiras e comuneiros da Organización Galega de Comunidades de Montes, canda unha delegación da plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ concentráronse diante do Parlamento de Galiza para manifestar a súa oposición á modificación da Lei de Montes Veciñais a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos.

Un procedemento que o presidente da Organización galega de montes veciñais en man común, Xosé Alfredo Pereira, cualificou como “legal mais totalmente antidemocrática” porque, dixo, furta o debate do sector e mesmo do Parlamento, que está condicionado a unha lectura única.

Por iso reclamaron a retirada das dúas modificacións previstas que “atentan contra o carácter xermánico da propiedade veciñal, cando se di que o monte, onde non haxa veciñanza pasa automaticamente aos concellos, non como xestores cautelares, que se podería admitir, senón como titulares provisionais”, explicou Pereiro.

Segundo o presidente da Orgaccmm a segunda modificación “rouba a xestión das terras comunitarias” no sentido de que “aqueles montes que a Xunta declare en estado de grave abandono -e pode declarar en estado de grave abandono polo simple feito de non cumprir trámites burocráticos, como pode ser non enviar o listado de veciñanza comuneira-, pasan a ser xestionado por unha empresa forestal e madeireira por un período de 50 anos durante os cales, aínda que se subsanen as causas que provocaron esta situación, a veciñanza non poderá recuperalos até transcorrido ese período”.

Unha “usurpación da xestión” e un “ataque tremendo ao que é a figura e a xestión do monte comunal en man común”, afirmou.

Para a Organización Galega de Comunidades de Montes é “unha confiscación en toda regra” que entende que atenta contra a lei porque “os montes veciñais teñen o carácter de imprescriptibilidade, recoñecido tanto nas leis españolas como nas galegas”.

Fronte ao procedemento de “coar” estas modificacións a través da lei de acompañamento dos orzamentos a orgaccmm considera que se debería ter tramitado iniciando o debate no Consello Forestal, contando co sector, para elaborar a partir de aí un borrador que a consellería convertería en texto e enviaría ao Parlamento galego para que se discutira como toda lei  e “non como se fai aquí, sen debate de relatorio, nin comisións”, concluíu

Comentarios