Opinión

VII Congreso Galego de Comunidades de Montes

Os vindeiros días, sábado e domingo, 21 e 22 de maio, a Casa de Cultura 'Daniel Castelao' do concello de Moaña acollerá o VII Congreso Galego de Comunidades de Montes, organizado pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM). Este VII congreso celebrase nunha data salientábel para a historia do monte veciñal e da veciñanza comuneira.

Fanse 25 anos da celebración do I Congreso Galego de Comunidades de Montes (Poio,1997), onde unha das súas conclusións foi a constitución, dende os principios de autoorganización, dunha organización de comunidades de montes e para as comunidades de montes .

Por esta razón, dentro do programa do VII Congreso Galego de Comunidades de Montes terá lugar unha homenaxe a aqueles homes e mulleres que en algún momento formaron parte das comisións organizadoras dos diversos congresos e das diversas xuntas reitoras da ORGACCCMM.

Homes e mulleres que semana a semana, mes a mes, dedicaron tempo, ansias e ilusión a xestionar a defensa e a administración do monte veciñal da nosa nación con solidariedade, independencia e honestidade. Levar adiante estes obxectivos supuxo un esforzo desmedido e inaudito destas persoas, sen os cales hoxe a ORGACCMM non sería a realidade que é. É de xustiza, xa que logo, esta homenaxe.

Este VII Congreso Galego de Comunidades de Montes celebrase nunha situación complicada para a veciñanza comuneira. Mediante unha modificación da lei de montes veciñais en man común, actualmente vixente, a Consellería do Medio Rural, en amparo dos intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos pretende, de xeito definitivo, a privatización dos montes veciñais en man común eliminando o carácter xermánico da titularidade veciñal.

Como ben ten demostrado o historiador Xesús Balboa, a través da historia o monte veciñal galego padeceu cinco vagas de hostilidade e de agresións. Estamos na quinta vaga. As catro primeiras tiñan un denominador común: viñan de fóra de Galiza. Esta quinta vaga de hostilidade e agresión ao monte veciñal galego, que propón a privatización dos montes veciñais, ten unha novidade tremendamente negativa. Vén de Galiza. Vén do mesmo Goberno da Xunta de Galiza.

No VII Congreso Galego de Comunidades de Montes terán lugar dous relatorios titulados 'Defender o monte veciñal' e 'Cara a unha valoración xeral dos montes veciñais'. De seguro que, tras o debate, as conclusións que se acaden suporán para a veciñanza comuneira unha ferramenta máis para que, xunto á recollida de sinaturas que acompaña a Iniciativa Lexislativa Popular para que se tramite no Parlamento Galego unha lei de montes veciñais elaborada polas propias comunidades de montes, posibilite parar o roubo do monte veciñal que pretenden levar adiante a Consellería do Medio Rural, os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos mais algunha que outra asociación forestal.

O discurso de clausura do VII Congreso Galego de Comunidades de Montes correrá a cargo do señor Alberte Casal Blanco, que foi director xeral de montes na Consellería do Medio Rural durante o Goberno Bipartito (2006-2009), departamento que desenvolveu unha política de montes que tiña como fin acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel e que a veciñanza comuneira fose a principal protagonista na posta en valor das súas terras comunitarias. A elección da sétima xunta reitora da ORGACCMM pechará o VII Congreso Galego de Comunidades de Montes.

Comentarios