'Liberdade e xustiza en Palestina': a comunidade universitaria pide o fin da barbarie na Faixa de Gaza

Concentración na facultade de Xeografía e Historia da USC en solidariedade co polo palestino. (Foto: Nós Diario).
Os campus da UDC, USC e UVigo acolleron esta cuarta feira protestas silenciosas para pedir o fin da violencia indiscriminada e en solidariedade co pobo palestino.

Alumnado e persoal docente, investigador e administrativo das tres universidades galegas secundaron esta cuarta feira, contra o mediodía, un minuto de silencio "contra a barbarie" na Faixa de Gaza. Baixo o lema 'Liberdade e xustiza en Palestina', ducias de persoas concentráronse na Casa do Lagar, no Campus de Elviña, na Coruña; diante da facultade de Xeografía e Historia da USC; na praza de Miralles, no Campus de Vigo; nas inmediacións do edificio Fontán, na Cidade da Cultura, en Compostela, e tamén en Ourense, entre o edificio de Ferro e o Politécnico.

Convocadas polo Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da facultade de Ciencias da Educación da UDC, o Sistema Universitario Galego (SUG) por Palestina e BDS Galiza, reclamaron o cesamento da operación militar indiscriminada de Israel sobre a Faixa de Gaza.

Temos que ocupar posicións máis críticas e activas tanto no ámbito da investigación como da docencia para que algunhas cousas, como mínimo, fiquen claras

A coordinadora do grupo de traballo de igualdade de Ciencias da Educación da Coruña, Mar Rodríguez Romero, tomou a palabra ao finalizar a protesta silenciosa para reivindicar unha posición máis firme e activa tanto por parte da UDC como do SUG.
En declaracións a Nós Diario denunciou a fraqueza con que as institucións e os actores universitarios observan e se manifestan sobre "un problema de primeira magnitude" que implica o incumprimento gravísimo de dereitos humanos fundamentais, do dereito internacional humanitario e das convencións de Xenebra".

A universidade nin defende unha posición clara nin ofrece visibilidade a un conflito "moi longo" e que carece "de relato", advirte Rodríguez Romero. E os medios de comunicación non axudan, engade, o priorizar unha "visión nesgada do que está a pasar".

Resposta cidadá, docente e investigadora

A profesora da UDC apela ao conxunto da comunidade universitaria e á súa profesionalidade. "As institucións formativas, a moitos niveis, temos que dar unha resposta contundente. Facer declaracións está moi ben, pero temos que ocupar posicións máis críticas e activas tanto no ámbito da investigación como da docencia para que algunhas cousas, como mínimo, fiquen claras".  
Segundo di, hai moitas áreas de coñecemento implicadas directa e indirectamente en que "o noso alumnado saiba o que está a pasar, porque teñen unha gran falta de información".

A solidariedade co pobo palestino nos campus universitarios galegos tamén puxo o foco "na inoperancia do dos mecanismos internacionais e na conivencia dos países occidentais" coa barbarie. "É moi grave que crianzas e mulleres, xunto ao resto da poboación civil sexan as vítimas principais", sinalou Mar Rodríguez Romero.

Se calamos seremos cómplices dunha matanza, dun masacre e dun xenocidio

A cuestión feminista tamén é asunto de interese para o decano da facultade de Xeografía e Historia da USC. Marco García Quintela manifestouse contra a barbarie e o uso indiscriminado da violencia nun conflito sen resolver, "sustentado en concepcións milenaristas"; ademais de censurar o emprego da "bomba demográfica" tanto por parte do fundamentalismo islámico como xudeu "para ir a unha confrontación milenaria que se fai no corpo das mulleres".

"Son os homes e as estruturas patriarcais as que potencian a violencia", defendeu Rodríguez Romero. "Hai intereses políticos que exceden o drama que están a pasar en Gaza. Se calamos seremos cómplices dunha matanza, dun masacre e dun xenocidio", concluíu. Por iso chaman ao  cese o exterminio e a que se poñan os medios para "resolver a situación de Palestina dunha vez".