Comuneiros da Paradanta alertan de que os incendios aínda ameazan as vivendas

Brigadistas realizan labores de extinción no incendio que esta fin de semana azouta Arbo (Foto: BrifLaza)
Para o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o incendio de Arbo, que xa arrasou máis de 400 hectáreas, "xa non é tan preocupante".

O incendio de Arbo, na comarca da Paradanta, que se iniciou na aldea de Mourentán, xa afecta a 400 hectáreas, segundo a última estimación provisional da Consellaría de Medio Rural, comunicada ás 20.30 horas deste domingo.

En declaracións a Nós Diario, o presidente da comunidade de montes de en Man Común de Cabeiras, Jesús Estévez, que viu queimadas 20 das case 400 hectáreas dos seus terreos, explicou que "aínda hai perigo pola posíbel chegada do fogo ás vivendas".

O representante da Xunta directiva da comunidade de Cabeiras sinalou que "a medida que se achegaron as horas de máis calor é máis propenso a que aparezan brotes", e deste modo, "unha parte complicada con eucaliptos rebrotou nunha zona onde hai unha aldea moi cerca".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou, a medio día do domingo, que os incendios na Paradanta, en Arbo e na Caniza, "foron provocados", e asegurou que a situación "xa non é tan preocupante", a pesar de que o estado de Alerta 2 por posíbel afectación ás casas continúa activo, un perigo que referenda a veciñanza da zona.

Porén, Estévez, non compartiu a opinión do xefe do Executivo galego. "Non sei se foi intencionado ou non, mais iso non implica que este fogo siga ardendo domingo desde a madrugada do sábado".

Aínda que o comuneiro recoñece que "pola mañá a situación parecía mellorar", sobre a menor preocupación á que se refiriu o presidente da Xunta, explicou "que as dúbidas entran cando ves que o incendio está controlado, regado e selado, senón non te fias de nada", polo que expresou o temor a máis rebrotes como o acontecido na zona de eucaliptos.

"O problema é a mala xestión do monte e de propiedades izadas de biomasa e de eucaliptos sen control que quedan aí", protestou Estévez. "Agora queda o monte limpo até que volva haber outro incendio, dentro duns anos, por moito que digan, non fan nada polo monte e a proba témola na porta da casa", afimou.

O presidente da comunidade de Cabeiras agradeceu que brigadistas "que se atopaban en descanso" acudiran para loitar contra o fogo que comezou a arrasar os terreos de monte veciñal, de non ser pola súa intervención "para xestionar o operativo" o acontecido na comunidade de Cabeiras "podería ter sido moito peor". "E de momento, veremos o poida pasar", laiouse.

Continúa activo o fogo na Caniza

Tamén na Paradanta permanece activo outro incendio, no concello da Caniza, concretamente na parroquia de Oroso. Alí tamén se declarou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do fogo a un polígono industrial.

Ademais, durante toda a mañá producíronse cortes de estradas. Primeiro a A-52, xa reaberta ao tráfico, e posteriormente a N-120, na que non se permitiu a circulación até pasadas as 17 horas da tarde deste domingo.