Os comuneiros de Cela e Ardán impiden unha ruta reivindicativa contra o parque eólico do Morrazo

Panorámica da ría de Pontevedra desde o Alto do Agudelo. (Foto: Europa Press)

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un itinerario para amosar a “importancia paisaxística, ambiental e cultural” dos montes que se van ver afectados polo polígono de muíños. A actividade debía decorrer este próximo sábado, mais as directivas das comunidades denegaron o permiso apelando á Lei de Montes da Galiza.

As e os veciños da comarca do Morrazo non poderán coñecer dunha forma máis directa os montes -así como “a importancia paisaxística, ambiental e cultural”- que se van ver afectados se continúa adiante o proxecto para crear un novo parque eólico na zona. Esta cuarta feira transcendeu a prohibición por parte das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Cela e Ardán, lugares dos concellos de Bueu e Marín, para que decorra a actividade que organizada a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para este sábado, 27 de novembro.

As directivas que representan ás persoas comuneiras contactaron coa agrupación reivindicativa contra os aeroxeradores para denegar os permisos para o itinerario de sendeirismo de carácter informativo e crítico co parque eólico.

Supostamente, a través de correos electrónicos avisaron de que o punto que se fixara para o inicio da marcha e o lugar para rematala, na área recreativa de Chans, así como algúns montes e pistas, son “propiedade comunal” de maneira que poden rexeitar esa acción.

Apelaron, segundo a plataforma, ao artigo 88 da Lei de Montes da Galiza. De feito, puntualizaron que se chegaba a facerse a ruta (que xa foi cancelada) alertarían ás “autoridades” para que estas tomaran “as medidas oportunas”.

Ao bater con este rexeitamento, a agrupación contraria ao polígono de muíños distribuíu un comunicado no que o seu portavoz, Cándido Martínez, destaca a “incredulidade” ante esta actuación porque “nunca” se fixo “un mal uso do monte ou se causou dano” en outras rutas.

Referiuse desta forma a outras camiñadas con obxecto divulgativo e de denuncia sobre "verteduras, mal estado dalgúns xacementos arqueolóxicos, curtas indiscriminadas de arborado autóctono e eucaliptización, entre outras actividades perniciosas".

Neste contexto, criticou o “escurantismo” da comunidade de Ardán e lamentou que tampouco haxa unha boa sintonía para recibir ao público por parte das e dos comuneiros de Cela.

Posíbel postura a favor?

A Plataforma cuestionou se a prohibición ten que ver coa "postura a favor" do parque eólico por parte das directivas que, segundo Martínez, poderían estar "a negociar os termos do contrato". En caso afirmativo, xustificou que "non interese que alguén vaia a explicarlle á veciñanza in situ o enorme impacto no territorio e nas súas vidas que implicaría" a instalación dos aeroxeradores.

A empresa construtora ACS é a impulsora desta iniciativa empresarial entre os municipios de Bueu e Marín, incluído na área de Desenvolvemento Eólico (ADE) do Morrazo que, desde 1997, forma parte do Plan Sectorial Eólico de Galicia. Segundo a Plataforma, trátase dun plan "especulador e obsoleto que carece de cobertura xurídica por non publicarse integramente e non pasar a avaliación ambiental estratéxica no seu conxunto".