As vivendas de Santiago poderán ser turísticas no verán se son alugadas de forma estábel o resto do ano

Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Deste modo, os pisos serían durante dez meses para estudantes ou familias e, nos dous meses do verán, de alugueiro turístico.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou esta sexta feira que a capital galega permitirá compaxinar o uso de vivendas que estean alugadas a maior parte do ano como turísticas só durante xullo e agosto.

A proposta inclúese na modificación do Plan Xeral que será levada a debate no pleno extraordinario do próximo 8 de setembro. Con esta nova normativa, Sánchez Bugallo sinalou que pretende "ordenar e equilibrar" as condicións dos pisos turísticos de Compostela.

"Non pode haber 1.000 pisos en alugueiro turístico e 30 para estudantes, familias e profesionais", aseverou o primeiro edil. "A modificación do plan permitirá compatibilizar, por exemplo, que durante dez meses poidan ser para estudantes e nos dous meses estivais sexan de alugueiro turístico", explicou o rexedor.

Bugallo culpa a Xunta da "situación irregular" de parte dos pisos turísticos

Por outra parte, Bugallo culpou o Goberno galego da "situación irregular" na que se atopan na actualidade algúns destes aloxamentos vacacionais.

"Gran parte dos pisos que funcionan como turísticos non están regulados; houbo unha confusión coa inscrición no Rexistro da Xunta como Concesión de Autorización", explicou o alcalde compostelán.

"Os propietarios inscribiron o seu piso no Rexistro e entenderon que iso equivalía a unha licenza, mais a Xunta non as pode dar porque non é a súa competencia", aclarou.

Por iso, acusa a Xunta "non verificar" se as propiedades inscritas no seu rexistro contaban con licenza do Concello, cando esta administración "ten a obriga" de garantilo.