A Coruña amplía as zonas de liberdade horaria ao consideralas de "grande afluencia turística"

BNG e Marea Atlántica opuxéronse á medida. Tamén tres sindicatos, que achegaron informes desfavorábeis ao considerar que "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes estabelecementos".
Pleno do Concello da Coruña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pleno do Concello da Coruña. (Foto: Europa Press)

O pleno da Coruña acordou esta quinta feira ampliar as zonas de liberdade horaria a Monte Alto, prazas de Lugo e da Galiza e o espazo entre as rúas Linares Rivas e Ramón de la Sagra, que se suman á declaración de Zonas de Grande Afluencia Turística, que xa incluía a Cidade Vella, a zona centro e a contorna de Riazor e Torre de Hércules.

Esta solicitude aprobouse cos votos en contra de BNG e Marea Atlántica. O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, explicou que esta declaración "non obriga" a mudar os horarios.

"É algo voluntario e unha ferramenta para que os propios comerciantes poidan aproveitar os períodos de gran facturación", detallou.

A concelleira do PP Nazareth Cendán Gayoso, pola súa parte, puntualizou que a pesar do voto a favor do seu partido esta solicitude está "substanciada polas peticións do comercio local, que non pequeno".

BNG e Marea opuxéronse entendendo que a medida empeorará as condicións laborais das e dos traballadores

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, xustificou o sentido do seu voto argumentando que esta solicitude conta cunha "rotunda oposición das tres centrais sindicais" que achegaron "informes desfavorábeis" por considerar que esta declaración "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes estabelecementos".

Aliás, Alberto Lema, edil da Marea, engadiu que a súa formación aposta nunha cidade "feita para as persoas e non só para o turismo" e apuntou que esta ampliación horaria vai "en contra da conciliación laboral e familiar".

Os períodos contemplados para a ampliación horaria son Nadal, entroido, Semana Santa e verán. Sexa como for, segundo reiterou Lage Tuñas, trátase dunha competencia de ámbito autonómico e é a Xunta a que ten "a última palabra".

Comentarios