Un complexo eólico de 323 MW ameaza as comarcas da Limia e de Monterrei

A Chaira da Limia, unha das zonas que se verían prexudicadas (Foto: Stop Eólicos).

O Goberno do Estado tramita a autorización de tres parques eólicos cunha potencia de 323,4 megawatts (MW) nas comarcas da Limia e Monterrei. Os proxectos están impulsados por V-Ridium, filial española do grupo portugués GreenVolt. A veciñanza das zonas afectadas xa comezou a mobilizarse.

O Macizo Central atópase no albo dos operadores enerxéticos. Un destes, V-Ridium, empresa con sede social en Madrid, vén de presentar diante do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) tres novos proxectos eólicos e unha proposta de liña eléctrica, para evacuar a enerxía producida polos mesmos. A compañía promotora destas instalacións é propiedade do grupo portugués GreenVolt, unha empresa de renovábeis moi ligada aos directivos de grupo Altri, sociedade á vez conectada coa Xunta da Galiza, que actualmente agarda por axudas europeas para erguer unha fábrica de viscosa en Palas de Rei (A Ulloa).

Un dos parques promovidos por V-Ridium, denominado A Limia-Sarreaus, prevé unha potencia instalada de 118,8 MW, en 18 aeroxeradores de 240 metros de altura e está emprazado nos concellos limiaos de Cualedro, Laza, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Vilar de Barrio.

Outro dos proxectos, designado A Limia-Altos de Verín, declara unha potencia de 92,4 MW en 14 aeroxeradores cunha capacidade de xeración de 6,6 MW. Neste caso, a instalación  afecta aos municipios de Cualedro, Laza e Monterrei. Por último, o complexo eólico A Limia-Fontefría proxecta a instalación de 17 aeroxeradores, cunha potencia de xeración total de 112,2 MW, nos concellos de Castrelo do Val, A Gudiña e Riós.

A posta en funcionamento destes tres parques eólicos obriga a construír unha liña de alta tensión que afecta a 18 concellos e ás comarcas de Celanova, A Limia, Monterrei e O Ribeiro. A rede de evacuación pasaría polos concellos da Arnoia, A Bola, Castrelo do Val, Cartelle, Celanova, Cortegada, Cualedro, Gomesende, Laza, Rairiz de Veiga, Quintela de Leirado, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Vilar de Santos. A este respecto, o voceiro de Stop Eólicos Xurés Celanova, Erik Dobaño, sinala a Nós Diario que “a liña de alta tensión de 97 quilómetros afectaría a zonas de Rede Natura como o río Támega ou o Macizo Central”.

O impacto ambiental, patrimonial e económico destes proxectos eólicos é moi importante. Dobaño  apunta que “os macroaeroxeradores causarían unha desfeita paisaxística sen precedentes, con graves impactos nas áreas de especial interese paisaxístico do Val de Laza, do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia), da Torre da Pena (Xinzo de Limia) e das Touzas da Saínza (Rairiz de Veiga). Na mesma dirección, denuncia “as repercusións de 32 aeroxeradores de 240 metros de altura, en cotas por riba de 800 metros e cunha ocupación de case 1.000 hectáreas de solo e máis de vinte núcleos de poboación dentro da perimetral”.

Protestas

As primeiras accións de protesta contra este complexo eólico xa comezaron. O colectivo Stop Eólicos Xurés Celanova lanza unha campaña informativa e prepara unha acción reivindicativa para o 17 de setembro na parroquia de Covas, no concello dos Brancos. Á vez, o BNG rexistrou unha moción no concello de Xinzo de Limia en rexeitamento ao complexo. A este respecto, o voceiro nacionalista na localidade, Camilo Vila, sinala a Nós Diario “o impacto do proxecto nos mananciais dos que se serve a rede de augas de Xinzo, na perda de valor das propiedades entre 30% e 50%, tanto nas vivendas como mas terras agrícolas e no patrimonio, exemplificado na súa afección á Torre da Pena”.