De como a Galiza virou cara ao Atlántico

Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)
A construción de equipamentos sociais e sanitarios e a implantación dos servizos públicos e vías para a mobilidade mellorou a calidade de vida das galegas e galegos, mais tamén supuxo un desequilibrio territorial e demográfico que medrou co paso do tempo e no que o deseño das infraestruturas xogou un importante papel. 

O cambio foi vertixinoso. A transición dun modelo económico pre-capitalista cara a outro post-industrial produciuse na Galiza nun par de décadas. A desagrarización, que noutros estados como o alemán se consolidou ao longo de tres xeracións, iniciouse entre a década dos 50 e os 60 acelerada pola emigración e o baleirado de aldeas. O asfalto gañou terreo e a poboación concentrouse cada vez máis na franxa atlántica.

"Este proceso queda reflectido no territorio, con espazos que gañan e acumulan poder político, económico e financeiro e outros que perden", explica o xeógrafo e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois.

A transformación dos espazos sucedeuse veloz. Multiplicáronse as casas aos bordos das estradas, medraron as vilas cabeza de comarca e as urbes desbordaron aos municipios veciños.

Desertouse da memoria labrega, a cidade ofrecía mellores condicións de vida, di Rubén Lois

Cultural e socialmente, as cidades impuxéronse sobre un rural que se asimilou á pobreza. "Desertouse da memoria labrega, a cidade ofrecía mellores condicións de vida e o modo de vida urbano gañou prestixio", apunta Lois.

O territorio non ficou indemne, coa desestruturación dos usos agrarios tradicionais. "Medraron os propietarios absentistas e as terras abandonadas", di Mar Pérez Fra, profesora do Departamento de Economía Aplicada da USC. 

Conexión interrompida

As grandes infraestruturas da Galiza son un reflexo da distribución desequilibrada da súa poboación, das tensións territoriais existentes e mais tamén do peso do sector da construción na axenda pública. "A autoestrada do Atlántico é un negocio, constrúese entre dúas áreas moi habitadas que son polos económicos cobrándose unha peaxe para o tránsito", exemplifica Lois. 

Nese desequilibrio hai espazos urbanos que "perden" e quedan fóra da malla de conexións aceleradas. Na beira atlántica é o caso de Ferrolterra ou da Costa da Morte. Na cantábrica, a da Mariña. No interior, a falta dunha rede efectiva arredor das cabeceiras de comarca.

En tanto, a tensión territorial unida á falta de planificación despréndense dos investimentos nos tres aeroportos galegos que á súa vez están deficientemente conectados. Na construción dos portos exteriores, que carecen dunha rede ferroviaria de mercadorías á que trasladar os produtos recibidos. Na edificación de grandes instalacións culturais como auditorios, teatros ou museos cuxo aforo e usos non responden á poboación na que se asentan. Mais tamén nas dificultades para artellar redes de transporte metropolitano.

Hai un abandono do territorio, pero á vez hai explotacións que teñen problemas para acceder á terra, apunta Pérez Fra

Outras contradicións afectan aos concellos rurais que perden habitantes ano tras ano. "Hai un abandono do territorio, pero á vez hai explotacións que teñen problemas para acceder á terra, temos unha das porcentaxe de solo agrario utilizado (SAU) máis baixa da Unión Europea", expón Mar Pérez Fra.  

"Temos que reverter o modelo forestalista de monocultivo, ten que haber máis superficie para a agricultura ou a gandaría, que son as actividades que asentan poboación", acrecenta Lois. 

A voltas coas migracións

A profesora de Economía Aplicada lamenta que as políticas públicas para acrecentar os habitantes dos concellos rurais pasen pola natalidade. "As políticas natalistas téñense superado desde hai décadas, volver a esas receitas é un erro. De nada vale que as mulleres teñan moitos fillos se cando estes chegan á idade adulta marchan", engade.

Pérez Fra destaca que, aínda que o saldo migratorio da Galiza sexa levemente positivo, "unha parte importante obedece a persoas retornadas que xa remataron a súa vida activa". "Os municipios rurais continúan a expulsar poboación moza, e do número de persoas que saen do territorio moitas son novas e moi cualificadas, un capital humano que non sobre", advirte.

Os municipios rurais continúan a expulsar poboación moza, lamenta Pérez Fra

Para a docente e investigadora, para que a poboación regrese do litoral atlántico ou para atraer emigrantes aos municipios con menos habitantes cómpre "facer os espazos rurais atractivos e xerar emprego".

[Esta reportaxe foi publicada xunto a un detallado artigo do infografista Xan Sabarís. Podes lela íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 30, nos quiosques ou na nube]