Social

Como desbotar as máscaras e as luvas coa COVID-19?

Operarios da recollida de residuos (Jesús Hellín/Europa Press).
As autoridades sanitarias salientan que hai que evitar que contaminen por se estiveron en contacto co coronavirus e que deben ir sempre a colectores do lixo que non se empreguen para reciclar. 

O uso de máscaras non é obrigatorio en todos os espazos, mais si moi recomendábel. Pero, que facer coa máscara de protección cando xa esgotou a súa vida últil? Estes elementos, así como as luvas que son necesarias en ocasións moi concretas, teñen que desbotarse de maneira que non contaminen por se entraron en contacto co coronavirus. 

Por iso, as autoridades advirten de que non se poderán reciclar e eliminaranse nos contedores do lixo xeral [contedores de cor gris ou verde (non o de vidro)]. Así o especifica a Consellaría de Sanidade, que incide en que as bolsas deberán ser resistentes para previr as rachadelas.

O procedemento, segudo traslada o Ministerio de Sanidade, é sinxelo: as máscaras e luvas irán nunha bolsa de plástico que terá que poder fecharse ben para, a continuación, introducila noutra bolsa que é a que irá ao colector do lixo. 

Sempre hai que desfacerse destes equipos de protección individual en contedores que non se reciclan, neste sentido, desde o Ministerio apuntan que non se poden empregar aqueles específicos para os residuos orgánicos que despois se empregan para facer compostaxe.

No momento de sacar tanto as máscaras como as luvas hai que hixienizar as mans con solucións hidroalcohólicas ou realizar un lavado de mans completo