Social

Cando é necesario pór luvas de protección polo coronavirus?

Luvas de protección (Sergas).
Só hai dúas situacións nas que a poboación deba facer uso das luvas de protección pola COVID-19. A chave está en introducir a hixienización de mans nas rutinas diarias para que pase a ser algo común no futuro. 

Case dous meses de confinamento despois, e "controlada" a curva de contaxios segundo o Ministerio de Sanidade, chega a desescalada e a posibilidade de saír á rúa con máis flexibilidade

O uso de equipos de protección individual (EPI) non é obrigatorio, mais si é recomendábel no canto de extremar as precaucións para evitar o contaxio da COVID-19. 

Como estamos ante un virus que se transmite polas gotiñas de saliva que se emiten ao falar, o primeiro é o uso de máscaras de protección para cubrir o nariz e a boca fóra da casa. A segunda prioridade son as mans, a través do contacto con calquera superficie contaminada podemos transportar o virus connosco e espallalo, ou mesmo chegar a contaxiarnos. 

Hai que levar luvas pola rúa? "Taxativamente non", asegura a Nós Diario Francisco L. Vázquez Vizoso, médico especialista en Medicina Preventiva. "Só hai dúas situacións nas que está xustificado o uso de luvas: no supermercado para coller froitas e verduras e cando se está en contacto directo con enfermos con COVID-19", asegura. 

"É manifestamente incorrecto andar coas luvas postas pola rúa", engade Vizoso, que foi durante moitos anos xefe do servizo de Medicina Preventiva do Hospital Montecelo de Pontevedra. 

Pero, por que non son necesarias? "Levar as luvas postas crea unha falsa sensación de seguridade. Por exemplo, se colles o ascensor e levas as luvas postas, logo tocas o picaporte e vas movéndote coas mesmas luvas... Así, vas tocando o que xa tocaches e reduces o número de veces que te hixienizas as mans", explica. 

Nin sequera no transporte público? "Non, a xente ten que acostumarse a andar cunha solución de base alcohólica no bolsillo. E unha vez que termina o que está a facer ou sae, por exemplo, dun medio de transporte público, ten que hixienizar as mans e despois lavalas con auga e xabón cando estén visíbelmente sucias", incide. 

Hixienizar as mans

Segundo o preventivista, a capacidade de eliminar microorganismos é moi superior no caso das solucións de base alcohólica que no caso do lavado de mans con auga e xabón."Cun bo lavado de mans consegues eliminar entre un 60% e un 70% dos microorganismos polo arrastre do xabón, que disolve a cuberta lipídica externa do virus", afirma. Porén, co bo uso dun xel ou líquido hidroalcohólico "elimínanse o 99% dos microorganismos" que haxa nas mans. 

Por que está tan estendido o uso das luvas? "As primeiras que non teñen os criterios moi claros son as propias sanitarias. Na literatura científica, así como o lavado de mans está perfectamente estabelecido, o uso de luvas é un tema confuso", indica Vizoso, quen reitera que no caso da poboación xeral só se deben empregar para coller a froita e cando se atende a unha persoa con coronavirus. 

"Vexo moitísima xente que sae do supermercado coas luvas postas e vai así até a súa casa. Iso é unha barbaridade. Se realmente tocou cousas que teñan virus o está expandindo. Hai que sacar as luvas inmediatamente despois de rematar a acción para a que son precisas", confirma. 

Retirar as luvas sen contaminar

A crise do coronavirus vai instaurar na nosa sociedade novas costumes e unha delas vai ser a hixiene de mans. Vizoso apunta que nos Estados Unidos de América hai "unha cultura da importancia da hixiene de mans que está moito máis interiorizada que a de aquí. Xa teñen o costume hai tempo e alí é habitual ver a xente hixienizar as mans ao baixar do metro". 

Neste sentido, o preventivista sinala que houbo imaxes sociais que transmitiron unha mensaxe errónea sobre o uso das luvas. "Por exemplo, creo que as imaxes dos reis coas luvas postas nun acto foi nefasta; así como as imaxes de persoal sanitario aplaudindo nas entradas dos hospitais coas luvas postas", conta. 

E como se sacan correctamente as luvas? "Hai que ter coidado de como retiralas para non contaminarse e sempre sacalas de maneira que quede exposta cara fóra a parte de dentro, que está limpa", di Vizoso. Entre o material dixital do Servizo Galego de Saúde (Sergas) hai un vídeo no que se demostra como é a retirada axeitada.