As máscaras cirúrxicas non se poderán vender a máis de 0,96 a partir desta sexta feira

As farmacias son puntos de abastecemento e información durante o confinamento (Europa Press).

Mañá, 24 de abril, entra en vigor o prezo máximo fixado polo goberno para as máscaras cirúrxicas, un dos elemntos de protección clave na etapa de desescala. As farmacias galegas traballan para garantir a accesibilidade universal.

A partir de mañá, 24 de abril, as máscaras cirúrxicas non se poderán vender a máis de 0,96 céntimos de euro, o prezo acordado pola Comisión Interministerial de Prezos de Medicamentos esta mesma semana.

Ademais deste límite, a comisión fixou outro tope para a venda de xeles e de solucións hidroalcólicas, que pasarán a custar, segundo os tamaños, entre 0,021 y 0,015 céntimos el mililitro.

“O prezo máximo de 0,96 afecta a un único modelo de máscaras de protección, as cirúrxicas. Queda pendente marcar o prezo das máscaras hixiénicas”.

O prezo máximo de venda afecta, de momento, a un único modelo de máscaras de protección, o que adoitan usar nos quirófanos, mais ten pendente marcar o prezo das máscaras hixiénicas, de cara ás futuras fases de desescalada.

Na Galiza, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa avanzou que recomendará o uso xeralizado de máscaras, un elemento de prevención que consideran fundamental desde o Servizo Galego de Saúde e que se sumará a outras medidas propias da etapa de desconfiamento, como o distancia social e a intensificación da hixiene.

Accesíbeis nas farmacias

Neste contexto, a rede galega de farmacias confía en poder responder ás necesidades da poboación. Desde o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense esperan que canto antes se normalice a suministración de material preventivo.

“Cando a pandemia se orixinou na China, as nosas farmacias xa experimentaron un aumento notábel da demanda de produtos como máscaras, luvas ou xeles hidroalcólicos. A chegada da pandemia a Galiza fixo que se esgotasen as existencias. Desde entón, traballamos para efectuar unha compra agregada conxunta de máscaras co fin de garantir o abastecemento”, sinala o seu presidente Santiago Leyes Vence.

“Desde o inicio da pandemia puxémonos a disposición das autoridades sanitarias para contribuír a minimizar os efectos da crise“.

Mais conseguir normalizar a subministración é unha tarefa complicada, xa que a demanda segue a ser moi alta. “Desde o inicio da pandemia puxémonos a disposición das autoridades sanitarias para contribuír a minimizar os efectos da crise na medida das nosas posibilidades, mediante tarefas de información aos pacientes e a dispensación de material sanitario”.

Agora, engade Leyes Vence, ven con bos ollos servir a cidadanía como punto de dispensación e entrega de máscaras. “A medida, poría en valor o papel de servizo público imprescindible que ofrecemos dende as oficinas de farmacia, fundamental nas contornas máis pequenas e rurais”.

Prezos abusivos

Sobre o límite do prezo máximo de venda das máscaras cirúrxicas acordado polo Goberno, Santiago Leyes Vence cre que se trata dunha medida necesaria. “Sabemos que nalgúns puntos do Estado os prezos habituais das máscaras disparáronse entre un 300 e un 500% e isto é inadmisible. Estamos en contra dos prezos abusivos que poden impedir o acceso a este material en condicións de igualdade”.

Porén, asegura, “algúns distribuidores de material sanitario teñen alertado de que esta medida pode paralizar certas operacións de compravenda e prevén que non sexa a medida máis idónea para garantir o abastecemento, propiciando incluso o mercado negro”, explica Leyes Vence.

Desde o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense son partidarios de reforzar os topes dos prezos anunciados polo Goberno coa aplicación dun IVE reducido “de non máis dun 4%” no caso das máscaras, porque xa se converteron en material de primeira necesidade, e actualmente están gravadas co 21%.

Unha referencia para o rural

Santiago Leyes Vence defende o labor sanitario das farmacias, sobre todos en núcleos do rural afastados. “O traballo informativo que desenvolvemos habitualmente tense intensificado moito a causa do coronavirus”.

Neste sentido, destaca que o colectivo farmacéutico segue a ser un do máis expostos, con casos positivos entre farmacéuticas titulares e auxiliares. “Dende o primeiro día apelamos á responsabilidade social para que a xente só se desprazara ás farmacias para facer compras esenciais e tamén reivindicamos poder contar con equipos de protección necesarios para facer o noso traballo”.

Máscaras para as crianzas

Con todo, incide, “as farmacias poden ser o centro de recollida de máscaras para toda a poboación se conseguimos que se universalice a súa dispensación”. De feito, son tamén o punto de referencia para moitas familias que comezan a planificar os primeiros pasos da desescalada a partir do 27 de abril, a data fixada para as saídas programadas das crianzas após máis dun mes de confinamento.

“Recibimos moitas consultas sobre o uso das máscaras pero aínda non dispoñemos de material específico nin temos moita información sobre a capacidade da industria para producir e garantir a subministración de máscaras para nenos e nenas”, conclúe Leyes Vence. Polo momento, traballan para adaptar as máscaras cirúrxicas de adulto á poboación infantil.