Máscaras fronte ao coronavirus: cales escoller e como usalas

Dúas persaos pasean con máscara durante o período de confinamento (Europa Press)
O inicio do período de desescalada espertou aínda máis o interese polo uso de máscaras. Mentres os grandes supermercados anuncian a súa venda no medio dunha guerra de prezos, o Goberno español mantén a súa recomendación fronte á obrigatoriedade que reclaman sectores concretos. Cantos tipos de máscaras hai e para que serven? 

"Baixo o meu punto de vista, o uso da máscara debera ser obrigatorio", apunta a Nós Diario María José García, presidenta da Federación Galega de Farmacias. Mais, de momento, a falta dun protocolo único dirixido á poboación que estabeleza quen, cando e como deben empregarse estes elementos de protección, as autoridades sanitarias sinalan o seu uso como "altamente recomendábel", especialmente como medida de protección complementaria naqueles espazos onde a aglomeración de xente impida manter as distancias mínimas de seguridade.

"Agora que imos empezar a saír todas, que nos imos xuntar e mesturar, a máscara é unha das medidas de protección máis desexábel", explica María José García, “mais é importante ter claro que función cumpre cada unha, porque varía segundo o tipo de máscara que escollamos”.

O Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos acaba de actualizar un informe técnico sobre a utilización de máscaras no contexto sanitario actual, dominado pola COVID-19. Nese documento, di, "existen tres tipos de máscaras segundo a súa capacidade para filtrar o aire inspirado e espirado", que marca a súa capacidade para protexer tanto a usuaria da máscara como ao resto da poboación en caso de transmisión aérea.

Máscaras cirúrxicas

Son máscaras de uso médico, empregadas polo persoal sanitario en quirófano e noutros procedementos co obxectivo de protexer as pacientes da usuaria da máscara.

"Facilitan que a persoa que a leva posta non contaxie aos demais, pero non se protexe a si mesma. Son as que adoitan usar nos países asiáticos. Utilízaas todo o mundo, polo tanto a protección é moi alta", sinala García. Para este tipo de máscaras, de triple capa, o Goberno estabeleceu un prezo máximo de venda de 0,96 céntimos de euro.

Máscaras filtrantes

Dispoñen dun filtro de micropartículas que protexe á usuaria da máscara fronte á inhalación de contaminantes ambientais como axentes patóxenos, químicos ou antibióticos. Non protexen fronte a gases ou vapores, aínda que as hai con filtros específicos para estes casos.

Considéranse Equipos de Protección Individual (EPI) e clasifícanse segundo o seu rendemento.

As FFP1: teñen unha eficacia de filtración mínima de 78% e unha porcentaxe máxima de fuga cara ao interior de 22%. Non se recomendan para uso médico.

As FFP2: teñen unha eficacia de filtración mínima de 92% e unha porcentaxe máxima de fuga cara ao interior de 8%.

As FFP3: teñen unha eficacia de filtración mínima de 98% e unha porcentaxe máxima de fuga cara ao interior de 2%. Son as indicadas para as profesionais sanitarias que atenden persoas infectadas por SARS-CoV-2.

Non hai que confundir filtro con válvula, un dispositivo de exhalación que facilita a respiración e fai máis cómodo o uso da máscara, malia limitar a protección.

"Son máscaras que ademais de evitar que ti contaxies ás demais, protéxente a ti de que outras persoas te infecten se van sen máscaras. E non hai que confundir filtro con válvula, un dispositivo de exhalación que facilita a respiración e fai máis cómodo o uso da máscara, ao reducir o calor e a humidade que se produce dentro", detalla a presidenta da Federación Galega de Farmacias.

Segundo o informe técnico emitido polas profesionais do sector, estas máscaras con válvula no deberían utilizarse no caso de pacientes infectados polo novo coronavirus, xa que poderían transmitir o virus a través da válvula, salvo que esta deseñada para evitar esa transmisión cara ao exterior.

Máscaras hixiénicas

Tamén chamadas de barreira. Están indicadas para persoas sen síntomas que non sexan susceptíbeis de empregar as cirúrxicas nin as filtrantes. O que buscan, no contexto da pandemia actual, é reducir o risco de transmisión do virus desde a boca ou o nariz dunha usuaria sa ou asintomática, como medida de prevención adicional.

Á hora de mercar máscaras nos supermercados cómpre atender ben ás especificacións e non se deixar enganar porlos reclamos comerciais.

Se ben, non hai datos que permitan estabelecer a súa eficacia para evitar este contaxio, mais ben limitada. "Agora que os supermercados deron o salto á venda de máscaras e iniciaron unha guerra de prezos como reclamo, cómpre atender ben ás especificacións e non se deixar enganar por lemas que xa se poden ler nalgúns anuncios. A ‘máxima protección’ non está garantida cando falamos de máximas hixiénicas. Non nos deixemos enganar", recalca María Jose García.

Neste suposto, lembra, o mercado comeza a ofrecer algunhas marcas reutilizábeis. “Segundo as indicacións dos fabricantes, algunhas poden aguantar varios lavados e cómpre seguir as súas recomendacións ao pé da letra para unha correcta desinfección”.

Máscaras caseiras

As evidencias dispoñíbeis indican que as máscaras de tela protexerían menos que as cirúrxicas e memso poderían aumentar o risco de contaxio debido "á humidade, a difusión de líquidos e a retención de virus", recolle o informe do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos.

Non cumpren a normativa de EPI e non están indicadas para os contornos laborais. No caso do seu uso particular por parte da cidadanía, insiste, “esta medida non debe implicar una relaxación nas medidas básicas de prevención recomendadas, de hixiene, distanciamento social e non tocar a cara”.

Convén lembrar…

Que el uso de calquera máscara non supón unha protección total fronte ao contaxio, ao non protexer os ollos, vía de entrada do virus.

Levar unha máscara pode crear una sensación de falsa seguridade. Convén complementar o uso de máscaras co resto medidas preventivas, tanto hixiénicas como de distanciamento social.

Non se debe baixar até o pescozo nin cubrir só a boca deixando libre o nariz.

Cómpre poñelas e quitalas con coidado. "Hai que colocala tocando só as gomas. Non se debe tocar a parte filtrante nin antes nin despois do seu uso. Unha vez utilizada, a parte exterior é un foco de virus e bacterias. Non se debe baixar até o pescozo, xa que estariamos rozando a máscara co papo; nin cubrir só a boca deixando libre o nariz. Vense moitos casos de mal uso das máscaras", insiste García.

A presidenta da Federación Galega de Farmacias considera que deberan ser obrigatorias nos lugares pechados "aínda que se poidan gardar os dous metros de seguridade". "O virus pode permanecer nas partículas de aire até tres horas, podes gardar a distancia pero respirar esas partículas en suspensión", conclúe.