O Comité Clínico continúa favorecendo Sanxenxo e non adoptará máis restricións até a terza feira

Varias persoas nunha terraza en Sanxenxo (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Galiza multiplicou máis que por dous o número de casos activos na última semana, ao pasar dos 3.670 da pasada sexta aos 8.319 desta xornada e, só no últimos tres días, sumáronse 3.205 contaxios detectados novos.

Neste escenario e tras a reunión do Comité Clínico a terza feira, que decidiu como medida reducir a dez o número de persoas máximo por grupo en hostalaría e estender a PCR a todo o lecer nocturno, a Xunta volveu reunir o seu comité asesor, pero non tomou ningunha decisión malia que o número de novos contaxios e de casos activos está disparado.

As medidas adoptadas a terza e comunicadas en rolda de prensa a cuarta tamén supuxeron a revisión dos niveis dos concellos pasando a nivel alto varios da comarca do Salnés, pero non a localidade turística de Sanxenxo, que a pesar de ter a mesma incidencia de casos (máis de 500 a 14 días) e situarse na mesma área sanitaria (é dicir, igual presión hospitalaria), deixouse no nivel medio de restricións con "especial vixilancia".

Na propia rolda de prensa díxose que tiña os datos propios do nivel alto, pero "moi no límite". Isto supuxo as queixas de rexedores da zona, incluído o de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, que solicitaron que as decisións fosen homoxéneas nos casos iguais e pediron que se revisase a situación.

O Comité Clínico deseñou un novo modelo matemático para relacionar a incidencia de casos coa presión hospitalaria e o nivel das urxencias que permite a concellos que teñen máis casos acumulados que en momentos de máis baixa vacinación se manteñan en escalas baixas do semáforo de restricións.

Este sistema que se aplicará agora é "variábel" e axustarase practicamente a diario, segundo confirmou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Con todo, preguntadas expresamente na rolda de prensa, as autoridades sanitarias non quixeron aclarar o criterio concreto usado na terza feira para as decisións que se adoptaron

Fontes da Consellaría que dirixe Xulio García Comesaña explicaron aos medios na sexta feira que analizaron a situación actual e "comprobouse que hai concellos, sobre todo na comarca do Salnés, que incrementaron os positivos", polo que "quedan como están" até revisión a vindeira terza, cando se volverá reunir o Comité Clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia.

As mesmas fontes explicaron que "seguen preocupando os incrementos" de contaxios entre a xente nova, polo que fixeron un novo chamamento a que "acudan aos cribados". Tamén piden ás persoas que teñan unha PCR positiva que "axuden" no traballo de rastrexo para controlar os brotes.

Hostalaría

Nas últimas horas, o sector da hostalaría mostrouse partidario de incluír a obrigatoriedade de PCR negativa ou certificado de pauta vacunal completa para as zonas de maior incidencia se isto podía evitar novos fechamentos.

Ademais, encima da mesa puxéronse outras opcións e as autoridades sanitarias lanzaron mensaxes de que poderían endurecerse as medidas en próximas semanas se a situación epidemiolóxica segue disparada e ven comprometidos tamén os servizos hospitalarios.

Concellos por niveis

No nivel alto de restricións, desde este sábado, están Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras. Neste grupo de concellos a hostalaría está fechada en interior e aberta ao 50% en exterior. O lecer nocturno debe permanecer fechado.

En nivel medio: Culleredo, Porto do Son, Carballiño, Sarria, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas de Reis, Salceda de Caselas e Boiro. Ademais, baixo "vixilancia especial", en este mesmo nivel, permanecerán Sanxenxo, Ribadavia e Poio, xa que están "moi no límite" e, aínda que os seus valores se corresponden co nivel alto -xa cos parámetros actuais-, o Comité decidiu mantelos neste grupo, o que lles permite manter máis capacidade, hostalería aberta no interior e funcionamento do lecer nocturno, polo menos, até a próxima revisión.

Concretamente, no nivel medio de restricións, o lecer nocturno pode abrir até as 3 da madrugada coa obrigación de PCR negativa ou certificado de vacinación completo -ou de recuperación da enfermidade en vigor-. A hostalería funcionará cun 30% de capacidade interior e un 50 exterior, como até o de agora.

O resto de concellos estará no nivel medio baixo de restricións, isto é, hostalaría cun 50% de capacidade no interior e un 100% en terrazas. E desde o martes día 20, será obrigatorio tamén o certificado negativo de covid no lecer nocturno.