Comezan os trámites de reforma da Abau

Estudiantes durante os exames da ABAU en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Goberno español anunciou na segunda feira un proceso para a reforma da ABAU aproba, mentres que esta esta terza feira aprobará unha reforma do sistema universitario.  

O Ministerio de Educación e Formación Profesional presentará o borrador da nova Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) durante a primeira quincena do mes de xullo. A nova proba non será única para todo o Estado español mais si máis homoxénea que a actual.

Así o trasladou na segunda feira o secretario de Estado de Educación, José Manuel Bar Cendón, nun encontro con xornalistas no Ministerio, onde sinalou que o documento que se presentará en xullo estará o máis consensuado posíbel e apostou porque a nova proba da ABAU teña "maior equilibrio e homologación". 

"Ir a unha proba única agora mesmo non é posíbel xa que a propia lei non o permitiría porque estariamos a invadir competencias doutras Administracións", asegurou Bar Cendón, quen afirmou que os novos deseños curriculares "empuxan" a necesidade de "adaptar o que se ensina nos institutos e colexios ao que despois se avalia".

Axudas aos libros de texto

O secretario de Estado de Educación adiantou que esta terza feira o Consello de Ministros aprobará, a proposta do Ministerio, unha partida orzamentaria de 58 millóns de euros para apoiar ás familias na compra de libros de texto do próximo curso.

Esta terza feira aprobarase unha nova lei universitaria

O Consello de Ministros do Estado español aprobará esta terza feira a proposta do ministro de Universidades, Joan Subirats, do anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que recolle o compromiso dun gasto de 1% do PIB e que ten na redución da precariedade un obxectivo prioritario.

Recentemente, o ministerio de Universidades decidiu variar no anteproxecto o límite de temporalidade para deixalo en 8%. O último borrador recollía a obrigación de reducir do 40 ao 20% esa temporalidade tanto no persoal docente como no investigador.

A lei tamén prevé a estabilización duns 25.000 profesores asociados que pasarán a indefinidos, segundo os cálculos do Goberno español, e limitarase o contrato dos profesores visitantes a dous anos.

Así mesmo, crease unha nova figura de profesor substituto en troco da do PDI con dereito a reserva de posto de traballo. Tamén se pretende deseñar unha vida académica máis estábel e curta, de modo que en 10 anos unha persoa que accede ao profesorado universitario se estabilice.