luns 29/11/21

Asinado o primeiro convenio colectivo para as investigadoras sanitarias

"Esta é só a primeira pedra, non o punto final", advirten as traballadoras.
Sinatura do convenio, nesta segunda feira, nas dependencias do Sergas (Foto: Plagtis).
Sinatura do convenio, nesta segunda feira, nas dependencias do Sergas (Foto: Plagtis).

Os perto de 500 traballadores e traballadoras de fundacións privadas de investigación sanitaria disporán do primeiro convenio colectivo específico para estas profesionais.

Así o anunciou nesta segunda feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, após asinar en Compostela o documento que regulará o labor do persoal destas fundacións, encargadas da xestión dos institutos de investigación biomédica do país e a través dos cales o Servizo Galego de Saúde (Sergas) canaliza a innovación en materia sanitaria.

O convenio foi tamén asinado por Eloína Núñez, presidenta do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS); Luis Verde, presidente do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; Javier Puente, do Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur de Vigo.

A sinatura deste documento, salientou o conselleiro García Comesaña, é "un paso importante para seguir a desenvolver as capacidades do noso sistema público de investigación sanitaria, que ten que complementarse cos retos que temos por diante como son o maior apoio ás spin-offs, a integración da formación da investigación clínica ou o avance cara a unha carreira investigadora".

Deste modo, producirase unha homoxeneización das categorías de persoal, haberá melloras salariais con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2021, regulamentaranse os distintos permisos de conciliación e teletraballo, fomentaranse medidas que velen pola igualdade de xénero e implantaranse plans de formación anuais.

"Non é o punto final"

No acto tamén interveu a investigadora do IDIS Mabel Sampedro, quen matizou que "sen persoas non hai ciencia, e sen ciencia non hai futuro". Cando principiaron as negociacións, Sampedro sinalara a Nós Diario a precariedade laboral e as múltiples dificultades ás que se enfrontan estas profesionais na Galiza: "De perto de 500 persoas, só 10% teñen un contrato indefinido".

"As e os investigadores teñen que pelexar por traer fondos para a fundación, porque é a forma de que repercuta no seu salario", engadira.

Así mesmo, desde a Plataforma Galega de Traballadoras en Investigación Sanitaria (Plagtis) matizaron tras a sinatura do acordo: "Compartimos a nova contentas polo conseguido, mais igual de firmes e convencidas de que non é un punto final. É a primeira pedra para elaborar un verdadeiro marco laboral competitivo, xusto e digno".

Asinado o primeiro convenio colectivo para as investigadoras sanitarias
comentarios