Comezan as 48 horas de folga convocadas pola CIG e STEG en todo o ensino medio, na FP e nos ensinos de réxime especial
Esta terza feira comezan as 48 horas de folga convocadas polos sindicatos CIG e STEG en todo o ensino medio desde infantil até Bacharelato, ademais da Formación Profesional e ensinos de réxime especial como os conservatorios, as escolas de idiomas ou as escolas de artes.
En concreto, a CIG informou de que está convocado un colectivo de máis de 30.000 docentes entre funcionariado de carreira, interino e substituto con incidencia en 374.043 estudantes, sen contar o alumnado de réxime especial, é dicir, perto de 400.000.
Pola súa parte, a Xunta da Galiza fixou, nunha orde publicada esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), os servizos mínimos para a folga de profesorado destas 48 horas de paro, polos cales terase que garantir a apertura e o fechamento dos centros escolares.
A folga afectará o persoal docente dos centros educativos da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e desenvolverase desde as 0 horas do día 28 de outubro de 2025 até as 24 horas do día 29 de outubro de 2025.
Reivindicacións
Entre as reivindicacións figura unha baixada de ratios no inicio de todas as etapas educativas a partir do próximo curso 26/27, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e en 2012 tamén a partir do próximo curso e a "fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinos artísticos".
Así como "medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade" e un plan real de eliminación de burocracia que comporte, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías. Ademais, a folga demanda melloras retributivas e redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e a recuperación das licenzas por formación retribuídas.
Por outra parte, os sindicatos convocantes da folga levarán a cabo esta terza feira unha marcha baixo o lema 'Viramos San Caetano', a cal rematará cunha cadea humana ante o edificio administrativo do Goberno galego en Santiago de Compostela co obxectivo de "dar un xiro ás políticas da Xunta". Neste sentido, na cuarta feira terán lugar manifestacións descentralizadas ante as Delegacións da Consellaría no territorio galego.