Anpas Galegas apoia a folga en educación convocada por un ensino público galego "de calidade"
O profesorado galego está chamado á folga este 28 e 29 de outubro, na que será a terceira xornada de paro no que vai de curso escolar.
Anpas Galegas mostrou o seu apoio ás reivindicacións da folga de profesorado e das mobilizacións convocadas para este 28 e 29 de outubro pola CIG-Ensino co consenso de STEG por unha educación "pública galega de calidade".
Nun comunicado, a entidade cita algunhas destas peticións como son a baixada das ratios en todas as etapas educativas a partir do próximo curso 2026-2027, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e 2012, acompañado dun incremento do persoal que permita acabar coas itinerancias e coa impartición de materias afíns; e medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade, entre outras.
"Todos estes puntos repercuten directamente na calidade educativa e na atención ao alumnado, especialmente ao máis vulnerábel, que nos últimos cursos viuse prexudicado pola falta de especialistas en atención educativa e os continuos recortes en profesorado", destacan.
Apoio das direccións
Aliás, máis de medio cento de directoras e directores de centros públicos de toda Galiza fixeron público un comunicado de apoio á folga, na que o profesorado reclamará melloras laborais e máis medios para o sistema educativo.
As direccións alertan da sobrecarga administrativa e da falta de persoal e medios materiais, o que repercute directamente "na atención ao alumnado, na innovación pedagóxica e na equidade educativa". Por iso consideran a convocatoria de folga "un chamamento necesario" para reverter a precarización do sistema público e garantir a igualdade de oportunidades.
"Reclamamos un cambio de rumbo claro e decidido: máis investimento, máis persoal, máis apoio real ao profesorado e aos centros, e unha aposta firme polo ensino público como ferramenta esencial de cohesión social e progreso", recolle o comunicado das direccións.
