Estes son os cinco motivos principais da folga convocada pola CIG-Ensino e STEG e da cadea humana que busca "virar San Caetano"

Baixo o lema "Imos virar San Caetano e facernos escoitar", a acción da terza feira consistirá nunha cadea humana en movemento arredor do complexo administrativo da Xunta.
Manifestación de docentes galegos, este 25 de setembro en Compostela. (Foto: Arxina)
Manifestación de docentes galegos, este 25 de setembro en Compostela. (Foto: Arxina)

A folga docente convocada pola CIG-Ensino co consenso do STEG vivirá o seu punto álxido esta semana cunha dobre xornada de protestas. O sindicato chama o profesorado galego a "rodear e virar San Caetano" esta terza feira 28 de outubro, nunha acción simbólica diante da sede da Xunta da Galiza en Compostela, e a saír á rúa o 29 de outubro con manifestacións descentralizadas. En ambos os dous días está convocada unha nova folga docente.

A central sindical mantén o calendario de mobilizacións "ante o inmobilismo da Consellaría de Educación", que, sinala como primeiro dos motivos da convocatoria, "segue sen abrir unha negociación real nin dar resposta ás principais demandas do profesorado tras 15 anos de recortes".

A CIG-Ensino insiste en que só se cubriron "algunhas das vacantes" nos centros de Infantil e Primaria, mentres as ratios, as condicións laborais e a atención á diversidade "continúan en situacións límite", o que compón as outras catro motivacións principais que marcan os paros xerais convocados.

Baixo o lema "Imos virar San Caetano e facernos escoitar", a acción da terza feira consistirá nunha cadea humana en movemento arredor do complexo administrativo da Xunta, co obxectivo de "simbolizar a necesidade dun xiro total nas políticas educativas". A organización chama o profesorado a acudir con potas, cazos, pitos, xogos educativos, instrumentos musicais ou ferramentas de ciclos formativos, para converter a protesta nunha gran "cazolada escolar" que leve ás rúas "o son das aulas galegas".

A coincidencia co Samaín tamén será aproveitada para darlle un ton simbólico e reivindicativo á mobilización: o sindicato anima o profesorado a levar cabazas dirixidas ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "en sinal de rexeitamento pola súa falta de diálogo", así como faixas e pancartas alusivas ás carencias dos centros ou á defensa dun ensino público digno e de calidade. A acción comezará ás 12 horas e haberá autobuses organizados desde distintos puntos do país.

Manifestacións simultáneas

A cuarta feira, 29 de outubro, será a quenda das manifestacións simultáneas en catro cidades galegas, que sairán ás 12 horas e rematarán diante das Delegacións Territoriais da Consellaría de Educación. As marchas partirán da rúa San José de Calasanz na Coruña; da Praza da Horta do Seminario en Lugo; da rúa Concello nº 11 en Ourense; e do IES Valle Inclán, no paseo de Montero Ríos, en Pontevedra. A CIG-Ensino chama ademais a manter viva a mobilización nos centros durante toda a semana, organizando accións propias, debates e actividades.

Comentarios