“O Colexio valora o compromiso dos profesionais da CRTVG co dereito á información da cidadanía”, e defende as súas accións reivindicativas: “Reclamar o cumprimento da lei e defender os principios do servizo público nonj só constitúe un dereito dos e das traballadores da CRTVG senón unha obriga como empregados públicos e como informadoras”.
O órgano colexiado tamén critica “con toda contundencia calquera intento de coartar as lexítimas críticas das profesionais da información”. A dirección da CRTVG abriu un expediente á presentadora Tati Moyano por amosar en público as súas discrepancias coa situación actual dos medios públicos durante unha gala benéfica.
“Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo”, afirma o Colexio de Xornalistas.
Mentres, os #VenresNegros continúan. Nesta xornada semanal de protestas, as traballadores e traballadoras da Compañía de Radio Televisión Galega visten de negro en rexeitamento ao control e manipulación informativa exercido por unha dirección ao servizo do Goberno de Alberto Núñez Feixóo e o PP.