O Colexio de Xornalistas alerta contra o sensacionalismo nas pezas sobre violencia machista

A Garda Civil en Valga. Foto: TVG.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza alerta contra o sensacionalismo nas informacións sobre violencia machista e pide “erradicalo”. Emite esta recomendación ao día seguinte do triplo crime machista de Carracido (Valga).

“A violencia machista é un problema social que ten que ser tratado coa suficiente rigorosidade e profundidade”, sinala a entidade, “o morbo dalgunhas crónicas de sucesos non só non é aceptábel nun xornalismo responsábel e profesional, senón que ademais illa e descontextualiza estes asasinatos, dificultando a comprensión da violencia de xénero como o que realmente é: unha violación dos dereitos humanos provocada no marco da ideoloxía patriarcal e presente en moitos máis aspectos da nosa sociedade”.

O colexio non cita exemplos concretos, pero si lembra "unha vez máis” a necesidade de seguir os mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, da Declaración de Compostela e “do resto de recomendacións específicas para o tratamento das informacións sobre violencia de xénero”.

“É necesario facer unha mención especial ás imaxes que acompañan as informacións”, engade a nota, “resulta esencial que fotoxornalistas e cámaras de televisión coiden que a recollida de imaxes non atente contra a intimidade e a dignidade das vítimas nin aumente a dor das persoas achegadas”. Considera ademais que, no caso de que se tomasen “algunhas imaxes inadecuadas”, cómpre que a redacción, edición ou dirección dos medios “se evite a súa publicación”.

Neste tipo de novas, conclúe o Colexio de Xornalistas, debe “primar a reflexión e a sensibilidade e non o sensacionalismo”.