TRIPLO CRIME MACHISTA

Asasinadas tres mulleres en Cordeiro, Valga

Imaxe: captura da TVG

O presunto responsábel deste triplo asasinato machista entregouse á Garda Civil após matar a súa exmuller (Sandra Boquete), a excuñada (Alba Boquete) e exsogra (María Elena Jamardo). Os asasinatos teríanse producido a primeira hora da mañá e co emprego dunha arma de fogo para a que non tiña autorización. Non había denuncias previas.

Tres mulleres asasinadas no lugar de Carracido, Cordeiro, en Valga. María Elena, Sandra e Alba. Son a exsogra (58 anos), exmuller (39 anos) e excuñada (27) dun home que posteriormente se entregou á Garda Civil de Milladoiro (Ames), vila situada aproximadamente a 30 Km de distancia do lugar dos feitos. Nesta localidade tiñan a casa os seus país, desde onde José Luis Abet chamou o Instituto armado para confesar o crime. O detido, de 41 anos, estaba separado da muller e non constan denuncias previas, segundo confirmaron fontes da subdelegación do goberno a Sermos Galiza

Os asasinatos teríanse producido a primeira hora da mañá, pouco despois das 8:00 horas, e empregando unha arma de fogo. Non tiña permiso para ter ese tipo de arma, recalcan desde a Delegación do Goberno e as forzas de seguridade tentan determinar como adqueriu a mesma. A parella tiña dous fillos, menores de idade, que estaban no momento dos asasinatos no vehículo no que a súa nai (Sandra) os ín levar ao colexio. Segundo informou Maica Larriba, subdelegada do goberno en Pontevedra, o presunto asasino disparou primeiro contra a súa exparella e despois contra as outras dúas mulleres cando estas acudían auxilala. Os nenos teñen 4 e 7 anos de idade. 

Membros dos GEAS da Coruña localizaron pola tarde a arma empregada no triplo homicidio de Valga. Segundo fontes da investigación, o dispositivo de busca atopou un revólver e unha caixa de munición no río Tambre, preto da aldea Ames-Pontenova.

A disposición xudicial esta terza feira

O detido pasará a disposición xudicial esta terza feira. Segundo fontes xudiciais, o home permanece baixo custodia da Garda Civil e será levado a disposición xudicial a partir das 10.00 horas de mañá. O caso compete ao maxistrado do Xulgado de Instrución número 2 de Caldas. Ademais, fontes xudiciais afirmaron que a sentenza de divorcio do home e a súa exmuller ratifícouse en xaneiro do ano pasado.

Estes non son os primeiros asasinatos machistas en Valga neste ano. O pasado mes de marzo María José Aboi, de 43 anos de idade, era asasinada a tiros polo seu marido, que posteriormente se suicidou. Xa son 5 os asasinatos machistas que este ano houbo na Galiza

Rexistros oficiais na Galiza: no 81% dos casos non consta denuncia previa

Desde 2003 até agosto pasado en Galiza rexistráronse 60 mulleres vítimas de violencia de xénero, segundo datos do Ministerio de Presidencia (organismo ao que remite Vicepresidencia da Xunta como fonte oficial). No 81% destes casos non había ou non constaba denuncia previa sobre o agresor. A relación que mantiñan vítima e agresor era de exparella no 26% dos casos ou de parella en trámites de separación no 18%. A idade dos agresores está entre os 31 e os 50 anos nun 20% dos casos; e un terzo das vítimas estaban no mesmo tramo de idade e non tiñan presentado denuncia previa. Na Galiza, desde 2003 até o 19 de agosto deste ano, producíronse 57.263 denuncias por violencia de xénero. Nos dous últimos anos (2017 e 2018) rexistráronse as cifras máis altas, por riba das 6.000 denuncias cada ano.