Condena política unánime do crime machista

Concentración contra a violencia machista. Foto: GZ Contrainfo.
Do presidente da Xunta aos partidos da oposición, todas as forzas políticas expresan a súa condena polo triplo crime machista desta segunda feira en Carracido (Cordeiro, Valga).

“O acontecido en Valga é unha aberración. Todo o noso agarimo á familia das tres mulleres asasinadas. Xa abonda de violencia machista”, escribiu na súa conta de twitter Alberto Núñez Feixoo, que se atopa na Arxentina. O presidente en funcións do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, sumouse ás condolencias: “Non pararemos até poñer fin ao machismo criminal que masacra as mulleres”.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG e o seu portavoz parlamentario, tamén comunicou por esa mesma rede social a súa “consternación polo acontecido en Valga”. “Nin un paso atrás contra a violencia machista. A favor das liberdades e dereitos das mulleres”, sinalou. No mesmo sentido chiou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón: “As palabras non chegan para expresar a indignación, rabia e dor. O machismo sacode Galiza con tres mulleres asasinadas. Precisamos máis medios e máis recursos para desmontar este sistema patriarcal”.

Podemos Galiza emitiu unha nota de condena e chamou á cidadanía “a saír ás rúas para dicirlles aos gobernos que os crimes machistas non se evitan con medidas mornas, e menos coa negación da súa existencia por parte dalgunhas organizacións políticas, senón con políticas valentes e transformadoras”. Esquerda Unida puxo o acento na “necesidade” de “máis políticas feministas e máis recursos para levalas a cabo”.

“A sociedade no seu conxunto debe manifestar o seu máis contundente desprezo ás prácticas machistas”, afirmou Anova-Irmandade Nacionalista vía twitter. A deputada do grupo mixto Paula Vázquez Verao considerou “brutal e atroz” o triplo asasinato de Valga e referiuse á “emerxencia feminista” en que se atopa a sociedade. “É necesario actuar e actuar xa”, concluíu