Colectivos contra a invasión eólica de Cantabria poñen como exemplo de "saturación" Galiza

Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)

O movemento contra a implantación de parques eólicos en Cantabria pon Galiza como un dos exemplos de territorios que están "saturados" de parques de explotación do aire.

Centenares de persoas de colectivos veciñais e representantes do sector primario, a hostalaría e o turismo de Cantabria participaron este sábado, a pesar da choiva, nunha manifestación que percorreu o centro de Santander para protestar contra a implantación de polígonos eólicos.

Miguel Santamaría, representante de varios destes colectivos, explicou que a manifestación pretende explicar aos seus participantes que os argumentos dos Gobernos autonómico e central e das empresas promotoras para xustificar estes proxectos "son moi diferentes á realidade".

Segundo Santamaría, "quérennos asolagar de aeroxeradores e placas solares no sur de Cantabria para tentar un paliar un desastre enerxético que vén de moi atrás, antes da guerra de Ucraína e a pandemia", e que "non se soluciona metendo máis cemento".

Respecto diso, o portavoz subliñou que tanto os aeroxeradores como as placas solares "dependen totalmente dos combustibles fósiles: é a base de queimar carbón e gas".

Tramítanse 40 parques eólicos

Actualmente hai en tramitación en Cantabria ao redor de 40 parques eólicos -na Galiza, ao redor de 200-. A intención dos colectivos é que non suceda o mesmo que na Galiza, representada na manifestación de hoxe en Santander, "porque xa saben o que é: que onde hai ocos, poñen máis. E aquí non queremos que entren".

Santamaría sinalou que a Galiza “está saturada”, e “mandando electricidade fóra porque non consome todo o que produce". Os colectivos manifestantes, advertiu, “non queren que Cantabria sexa outra colonia máis".

Xunto á sede do Goberno de Cantabria leuse un comunicado no que denunciaron que o mapa de exclusión eólica presentado no Parlamento o pasado mes de abril mostra que só un 3% do territorio que se verá afectado pola industria eólica, "ocultando vías de acceso, torres de alta tensión ou subestacións eléctricas".