A Xunta permite a Greenalia instalar dous parques fóra das áreas eólicas

Dous parques da enerxética Greenalia, Orzar (56 MW) e Tornado (67,2 MW), proxectados nas comarcas de Carballo e Ordes, respectivamente, van ser os que inauguren a 'excepcionalidade' disposta pola Xunta para permitir estudar a implantación de parques fóra das áreas do Plan sectorial eólico. O argumento para isto é que ambos os parques fornecerán de electricidade unha planta industrial na Coruña, Showa Denko. 

Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)

O Consello da Xunta acordou esta quinta feira impulsar a tramitación de dous proxectos eólicos cos que a empresa Showa Denko trata de abaratar a factura eléctrica na súa planta da Coruña. O propio presidente, Alfonso Rueda, anunciou após a xuntanza do Executivo que a Administración galega acóllese, "por primeira vez", á figura da excepcionalidade recollida na lei para declarar estes parques de Greenalia como proxectos de clara incidencia territorial "pola súa entidade socioeconómica e función vertebradora do territorio".

Isto permitirá -no caso de se aprobar- a súa execución fóra das áreas do Plan sectorial eólico da Galiza. Ao se tratar de proxectos de tramitación estatal —superan os 50MW—, o Goberno galego agarda "sensibilidade" do Executivo español para axilizar ambos os dous parques eólicos.

Unha lei que abre a porta

A Lei de áreas empresariais da Galiza especifica que se dará prioridade a aqueles eólicos que destinen 50% da enerxía que produzan á industria asentada no país. 

Os parques eólicos que se vinculen ás -PPAs (Power Purchase Agreement, acordos de compra de enerxía) poderán beneficiarse desta nova normativa, como tamén xa está explorando Alcoa para a súa fábrica da Mariña —e tamén con proxectos eólicos de 

Greenalia, empresa en cuxo consello de administración está Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente co Goberno de Alberto Núñez Feixoo—. 

Axenda Enerxética 2030

Na súa comparecencia, Alfonso Rueda tamén informou da análise por parte do Consello da Xunta da Axenda Enerxética da Galiza 2030, unha "folla de ruta" que contará cun investimento inicial de 630 millóns de euros no período 2022-2024.

Un investimento para atinxir obxectivos coma chegar a 2030 con "85% da xeración eléctrica na Galiza de fontes renovábeis, e que as emisións de gases invernadoiro se reduzan 55%". 

Bonos vivenda

O Goberno galego tamén aprobou onte a convocatoria dos bonos de aluguer para persoas mozas, que achegarán 250 euros mensuais durante dous anos para case 4.000 beneficiarios de entre 18 e 35 anos cunha fonte regular de ingresos. 

Rueda, avanzou que esta liña, bautizada como 'Bono Aluguer Mocidade', estará dotada dun orzamento de 23 millóns de euros para 2022 e 2023.  Ademais, aXunta tamén aprobou a renovación do 'Bono Aluguer Social', que cubrirá o alugueiro de 2.000 familias "vulnerábeis" cun orzamento de 11 millóns de euros.

Noutra orde de cousas, o presidente tamén anunciou que a Xunta vai habilitar un teléfono, "canle preferente", dixo; para facilitar acceso e trámites coa Administración ás persoas maiores de 65 anos. 

Taxas universitarias

Por duodécimo ano consecutivo, os prezos das matrículas universitarias nas tres universidades públicas galegas para o vindeiro curso 2022-23 seguirán conxeladas. Foi outro dos acordos aprobados onte no transcurso do Consello da Xunta. 

Alfonso Rueda indicou que os prezos medios de todas as matrículas sitúanse en 11,89 euros por crédito, "exactamente igual que até o de agora", algo que non é así no Estado, dixo.

Marisqueo e ensino

Tamén se deu o visto e prace a un convenio para a rexeneración de máis de tres millóns de metros cadrados en bancos marisqueiros. Para esta fin haberá un importe de perto de 1,4 millóns de euros. 

Por último o Consello aprobou comprar 9.000 pantallas interactivas para os centros de ensino e avanzar na "aula dixital".

Comentarios