Colectivos contra o "espolio eólico" exixen á ministra Ribera que se respecten os seus dereitos

A ministra, no centro, falou uns instantes con representantes de colectivos contra os eólicos. (Foto: Colás do Pieiro)
Diferentes plataformas amosaron o seu malestar porque a titular de Transición Ecolóxica convocara a unha reunión ás empresas do sector das renovábeis sen contar tamén coa veciñanza. Así, movilizáronse na contorna da ría do Burgo para pedirlle atención ás súas demandas.

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, visitou a Galiza esta quinta feira para falar con empresas do sector eólico e as enerxías renovábeis e levou unha clara imaxe da oposición á explotación dos recursos naturais por parte dunha boa parte da cidadanía.

Malia que a política falou de que as renovábeis son unha “oportunidade” para o país. Por iso, sentou a debater o futuro industrial deste sector con empresas que pertencen ao mesmo.

Porén, entidades sociais xurdidas nos últimos meses para defender distintos concellos dunha posíbel invasión dos eólicos, criticaron que non se lles convidase a dar o seu punto de vista nese encontro.

Tanto é así que ao saber que Ribera estaba na comarca da Coruña saíron nunha marcha improvisada para facerlle chegar o seu descontento polos plans que hai para o país.

A convocatoria colleu ás plataformas por sorpresa, mais o colectivo Aldeas libres de macroeólicos tivo uns minutos de conversa coa responsábel da carteira de Transición Ecolóxica.

Nunha conversa pausada e respectuosa xunto á Ría do Burgo -que foi outra das visitas na axenda oficial-, trasladaron que a cidadanía está aberta a sentar e falar do asunto. No entanto, deixáronlle claro que neste momento moitas persoas senten “vulnerados os seus dereitos a vivir tranquilos no rural, na aldea”.

A priori, Ribera abriu a porta a manter unha reunión coa parte social afectada polos eólicos para atopar “un encaixe” para ambas partes, empresas e veciñanza. Unha residente en Culleredo mesmo lle entregou unha carta para que lera no avión.

Sector pesqueiro

Por outra parte, a representante do Goberno español rexeitou a sensación de “temor” á eólica mariña que existe no sector pesqueiro. Segundo a súa opinión, o que se pensa desas infraestruturas en alta mar e do dano que poden facer á pesca “non se corresponde coa realidade”.

Por exemplo, sobre os proxectos que se estudan no Cantábrico comentou que “deberán ser moi probabelmente flotantes” de forma que as estruturas poderán desprazarse.