A Xunta despraza unha parte das probas PCR a aeroportos e estacións de tren

Colas para facer a PCR no Náutico de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A Xunta non recoñece de forma directa unha falla de previsión após as críticas da cidadanía estes últimos días. Porén, anuncia a apertura de oito novos puntos para realizar exames gratuítos cando se incrementaban as críticas polo colapso do sistema de control da Covid-19. Indican que serán para atender a viaxeiras de regreso á casa polo Nadal pero non fechan as portas ao resto da cidadanía.

O colapso dos puntos de cribado da Covid-19 repartidos por toda a xeografía galega para a realización de probas PCR gratuítas parece ter chegado ao Goberno galego. Malia que a Xunta non recoñeceu oficialmente a existencia de problemas de organización, o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira que van abrir oito puntos máis para realizar exames en aeroportos e estacións de tren.

Se esta cuarta feira o máximo responsábel do Executivo galego insistía en pedir a realización de máis test para detectar a enfermidade ao tempo que ducias de galegas e galegos agardaban colas de até 7 horas para facer a proba no Sergas, un día despois a Xunta anuncia a posta en marcha doutros oito puntos de control chegando así aos 23.

Estes van estar nos tres aeroportos do país, é dicir, en Alvedro (A Coruña), Rosalía de Castro -o antigo Lavacolla- (Compostela) e Peinador (Vigo).

Aliás, os equipos sanitarios instalaranse tamén nas estacións de ferrocarril desde as que hai conexións a outros puntos do Estado español como son as de Vigo, Ourense -que vén de incorporar o AVE-, A Coruña, Pontevedra e Compostela.

Feixoo explicou que estas áreas estarán ao dispor das persoas que regresen á casa para pasar as festas, se ben non indicou nada ao respecto de que outras persoas poidan facer cola alí para evitar o colapso noutros puntos.

Onde se realizan as probas de balde?

Na área sanitaria da Coruña e Cee os lugares de referencia son o Hospital Virxe dá Xunqueira, o aeroporto de Alvedro, a estación de tren de San Cristóbal, e o Covidauto Ventorrillo; e na de Lugo e A Mariña están habilitados espazos para facer a PCR no edificio da delegación territorial de Sanidade, a Casa do Mar de Burela e o Hospital de Monforte de Lemos.

No caso de Compostela e O Barbanza, a Xunta manterá o Hospital Clínico, o Auditorio Vidal Bolaño, o Hospital do Barbanza e engadirá a estación de tren e o aeroporto Rosalía de Castro.

O resto de puntos serán a Casa dá  Xuventude de Ourense, o Hospital de Verín, o Hospital do Barco de Valdeorras e a estación de tren de Ourense; o Hospital Provincial de Pontevedra e a estación de tren; a Politécnica de Enxeñaría de Ferrol; o Real Club Naútico, a estación de tren de Vigo e o aeroporto de Peinador

O comité clínico debatirá sobre Fin de Ano e Reis

Por outra parte, o presidente da Xunta pediu responsabilidade á cidadanía e insistiu na idea de que tanto en Noiteboa como en Nadal os encontros sexan dun máximo de dúas unidades familiares

Tamén avanzou que o Comité Clínico que asesora ao Goberno galego desde o comezo da pandemia volverá ter unha reunión a semana próxima.

Será o momento de estudar a evolución dos contaxios e tomar "decisións" sobre a prohibición ou non das festas de Fin de Ano e a posibilidade de que as cabalgatas de reis sexan de carácter estático.