Récord de positivos en toda a pandemia: 2.263 novos casos en 24 horas

Colas para facer PCR no Hospital Provincial de Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

A Galiza superou nas últimas horas a súa marca de contaxios diarios da Covid, ao detectárense 2.263 casos novos, unha cifra inédita desde o inicio da pandemia, aínda que a presión hospitalaria contense, cunha lixeira subida de pacientes en UCI, e un leve descenso de ingresados en camas convencionais.

Segundo os datos feitos públicos na quinta feira pola Consellaría de Sannidade (con información recollida até as 18 horas da cuarta feira) nas últimas horas detectáronse na Galiza 2.263 casos positivos da Covid, o que eleva a cifra total de persoas coa enfermidade activa a 18.664 casos.

Esta cifra de contaxios supera os picos alcanzados en xaneiro deste ano, aínda que é certo que, naquel momento, cun número de casos activos similar ao de agora, a presión hospitalaria era moito maior. De feito, na xornada da quinta feira informouse de 273 persoas ingresadas con Covid, das que 50 están na UCI.

O 23 de xaneiro pasado, con todo, cunha cifra de contaxios diarios de 1.888 casos novos, o número de persoas ingresadas en unidades de coidados críticos era de 142, case o triplo que as actuais.

Vigo, á cabeza

Os novos contaxios incrementáronse en todas as áreas sanitarias, excepto na de Vigo que, no entanto, segue tendo o maior número de casos novos detectados. Así, na área olívica, os contaxios novos das últimas horas ascenden a 532 e o número de casos activos sitúase en 5.936 (230 máis que hai un día).

Na área da Coruña-Cee, detectáronse 406 contaxios novos e o número de casos activos subiu até 2.985 (307 máis); na área de Pontevedra-O Salnés, hai 360 persoas contaxiadas máis e os casos activos son 2.840 (265 máis); e na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras volveron subir os contaxios novos e os casos activos, 254 e 2.560 (33 máis), respectivamente.

Mentres, na área sanitaria de Santiago-Barbanza, rexistráronse 358 novos contaxios e os casos activos elévanse a 2.262 (316 máis); na área de Lugo, Monforte e A Mariña detectáronse 200 contaxios e os casos activos soben a 1.319 (166 máis); e na área de Ferrol, hai 153 contaxiados novos e 762 casos activos (120 máis).

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, na xornada da quinta feira Sanidade informou de que hai 273 persoas ingresadas, 50 delas en Unidades de Coidados Intensivos (catro máis que hai un día) e 223 en camas convencionais (cinco menos).

Por áreas, a de Vigo mantén o maior número de enfermos graves, con 16 persoas ingresadas en UCI, e ten 65 pacientes en 'planta' (6 menos); na área de Pontevedra hai 10 persoas en UCI (unha máis) e 41 en unidades convencionais (unha máis); mentres que na Coruña hai 7 enfermos de Covid en UCI e 37 en 'planta' (2 máis).

Na área sanitaria de Ourense tamén hai 7 enfermos críticos (un máis) e 39 pacientes en camas convencionais (2 menos); na área de Santiago hai 4 pacientes con Covid en UCI (2 máis) e 22 en 'planta'; na área de Lugo hai 3 pacientes críticos e 12 en 'planta' (un máis); e na área de Ferrol hai outros 3 pacientes en UCI e 7 en hospitalización convencional (un menos).

Son 2.739 persoas as falecidas coa Covid-19 desde o inicio da pandemia. Os últimos decesos comunicados polo Sergas son os dunha muller de 66 anos ingresada no Álvaro Cunqueiro de Vigo, un home de 69 anos que estaba no Hospital Lucus Augusti, un home de 90 anos ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra, e outro home, de 91 anos, que estaba hospitalizado no CHUAC. Todos tiñan patoloxías previas, salvo a muller falecida na cidade olívica.

Con respecto ás probas diagnósticas, nas últimas horas realizáronse 12.284 PCR (o total realizado desde o inicio da pandemia rolda os 3,2 millóns), 4.961 test de antíxenos, e 6.208 probas doutros tipos.

Segundo informou Sanidade, a taxa de positividad das probas PCR (o número de casos positivos por cada cen probas realizadas) situouse no 14,1%, lonxe do 5% que estabelece a OMS como limiar para dar por controlada a pandemia.