O feminismo galego, cara ao 8M

Un movemento para salvar as distancias

A cidade de Lugo centrou o acto nacional dos colectivos e plataformas feministas o ano pasado. (Europa Press)
A un mes do 8M, mulleres, colectivos e plataformas feministas traballan para avanzar nunha axenda forte e na organización dunha cita que este ano quere facer de Verín o exemplo de mobilización coa que amosar "a rede de mulleres galegas que traballan de forma continuada na defensa dos seus dereitos".

Algo máis de 124 quilómetros separan Cervo de Lugo. Nas dúas localidades, as impulsoras e participantes nas xornadas feministas que se desenvolven durante o día de hoxe comparten dificultades. "Organizando esta xornada constatamos que Lugo está fóra de todas as comunicacións. Nin tren nin autobús. As mulleres que veñen viaxan o día antes, porque teñen moi difícil chegar. As de Vigo nin poden vir". Quen fala é Carmen de Simón, membro do Foro Feminista Maruxa Mallo, un colectivo formado maioritariamente por docentes luguesas xubiladas que este 8 de febreiro ten a encomenda de dirixir o III Encontro para unha Axenda Feminista Galega, que reúne unha ducia de organizacións galegas para definir, tal como indica o nome, as prioridades que colocar na axenda política desde o feminismo, de cara ás próximas eleccións galegas. 

Coa violencia de xénero na cúspide desa axenda, e con medidas xa consensuadas, como a reclamación de máis xulgados especializados nesta materia, formación específica para os operadores xurídicos e máis e mellores apoios para as vítimas, a sesión de hoxe quere continuar o traballo iniciado en 2019 nas dúas xuntanzas de Panxón e Compostela para acabar de perfilar ese documento, que servirá tamén para deseñar as súas accións futuras. Hoxe tratarán de incorporar as conclusións sobre prostitución desde unha posición compartida que é abolicionista, saúde das mulleres e diversidade funcional, vista desde unha perspectiva feminista.

A metade das participantes neste encontro fan parte de Galegas 8M, a plataforma creada hai tres anos para aunar forzas e  organizar unha mobilización feminista nacional unitaria e descentralizada arredor desta data, que neste 2020 terá lugar o 1 de marzo en Verín. Este sábado, Galegas 8M celebra en Cervo unha asemblea nacional para avanzar na organización dese grande acto, que o Foro Feminista Maruxa Mallo tamén apoia, "pola unidade de acción".

Na Mariña xa están preparando as accións para o 8M. Esta mesma semana houbo xuntanzas en Foz, Burela e Ribadeo. "O traballo que facemos en común é o de mobilizar para ir a Verín, conseguir transporte e xente, e para iso estamos contactando con todos os concellos para conseguir axudas para o transporte, materiais e actividades", conta Inma Orol, membro do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que como entidade está integrada en Galegas 8M. 

A activista conta que o ano pasado, dividiron a comarca en tres sectores para chegar até as parroquias máis pequenas, "porque son máis de 70 quilómetros e así era máis factíbel mobilizar os grupos de traballo". Por iso, celebra a decisión de elixir Cervo para unha das xuntanzas da organización do acto central de Galegas 8M, ao tempo que mira para as accións e mobilizacións que se farán a nivel comarcal, coincidindo, estas si, coa efeméride.  

Unha plataforma para descentralizar os actos feministas do 8M

"O que fai a plataforma é ir movendo as asembleas nacionais polo territorio, para descentralizar a acción e que todas poidamos participar, igual que se descentralizou a manifestación principal –en 2018 tivo lugar en Vigo e o ano pasado en Lugo– para que non caese sempre en Compostela. Agora podemos falar de grandes mobilizacións e implicación de xente de todos os sitios", salienta unha portavoz de Galegas 8M, que destaca a importancia da decisión. "Non todas podemos trasladarnos; dependemos do traballo, dos coidados ou do transporte, porque estamos moi mal comunicadas", observa, para subliñar o positivo: "Facémolo para que todas saibamos o complicado que é moverse e chegar as unhas ás outras, pero tamén para lembrar que cando o logramos chegamos máis alá, conseguimos máis consenso e maior mobilización". 

Como avanza, o movemento seguirá percorrendo o territorio de cara ao acto de Verín, "que  é un xesto de apoio e agrademento á bravura das mulleres de alí, para celebrar a reapertura da sala de partos e para posicionármonos contra toda a violencia institucional que sempre reverte máis nas mulleres, neste caso a nivel obstétrico e de perda de servizos públicos, ben precarizados ou privatizados, que nos obriga a seguir moi vixilantes". 

A integrante na plataforma sinala que o interese que moveu a súa constitución foi amosar "un feminismo galego unido, e facelo nunha vila ou nunha cidade onde vísemos necesario dar un toque de atención ou un impulso". O manifesto que anticipa o acto do 1 de marzo advirte as "malas conexións" que sofren as galegas das contornas rurais. Chegar desde Cervo a Verín son máis de tres horas de coche, 305 quilómetros. 

Manifestaranse en Verín o 1 de marzo, baixo o lema "Sen coidados non hai vida"

Galegas 8M pon o foco das reivindicacións deste ano nos coidados e no consumo. Baixo o lema "Sen coidados non hai vida", as súas integrantes decláranse "fartas de que o traballo no fogar, nas terras e nos coidados funcione como amortecedor dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas". Nun comunicado, a plataforma chama á mobilización social, tanto na manifestación nacional do 1 de marzo como o propio 8M, nas mobilizacións locais e comarcais, e advirte de que o feminismo vai seguir "vixiante, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país".