Kevin e María Luisa, primeiros nacementos no reaberto paritorio de Verín e sen o “consentemento reforzado” de Feixoo

Imaxe dunha sala de partos-

Kevin e María Luisa son as primeiras crianzas nadas no Hospital de Verín após a reapertura da sala de partos que tivo lugar esta segunda feira 3 de febreiro após dous meses de feche. Kevin naceu case ás oito da tarde desta quinta feira e María Luisa fíxoo hora e media despois.

Ambas as dúas crianzas naceron sen o 'consentemento informado reforzado' do que Núñez Feixoo falara para reabrir o paritorio, e que deberían asinar as xestantes que queiran parir nese Hospital comarcal. Nin a nai de Kevin nin a de María Luisa asinaron tal cousa, segundo informaron a Nós Diario desde persoal do Hospital.

Dous meses despois do peche da sala de partos do Hospital de Verín, a comarca logrou a reapertura esta segunda feira, unha conquista social que se fraguou entre protestas e mobilizacións, con encerro incluído. A sala de partos do centro comarcal reabreu esta segunda feira para continuar unha actividade que cesou o primeiro de decembro do ano pasado, cando a Xunta decidiu clausurala seguindo "criterios médicos" e de "seguridade".