Compostela acolle un "círculo do silencio" en apoio ás migrantes

O círculo de silencio, hoxe en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O acto foi convocado pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convocou para a tarde desta quinta feira un círculo de silencio na Praza de Cervantes, en Santiago de Compostela, para reclamar os dereitos das persoas migrantes. “Un círculo de silencio quere ser un berro”, así comezaba o manifesto que se leu previamente aos 20 minutos de mudez.

“Facemos estes círculos a primeira quinta feira de cada mes”, explica a este xornal Isabel Rei, membro da Rede. “É unha acción de concienciación na que informamos á xente que participa da terríbel situación que se está a vivir nas nosas fronteiras”.

Rei sinala que as accións comezaron cando Europa fechou as súas fronteiras e o Goberno de Mariano Raxoi asinou un acordo con Turquía, no inicio da guerra de Siria. “O feche das fronteiras incumpría a lexislación internacional e violaba os dereitos humanos dos millóns de persoas desprazadas”, asegura Rei.

“Até que [as persoas migrantes] cruzan a fronteira, non poden solicitar o asilo, pero non lles permitimos cruzala, de maneira que quedan nun limbo”. Daquela, comezaron as mobilizacións en todo o Estado español

No caso da Galiza, xurdiu a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos de todo tipo, e cuxo obxectivo é “intentar visibilizar o problema e facer toda a presión política posíbel para que se cumpra a normativa internacional e se permita a entrada das persoas refuxiadas e migrantes, pois teñen dereito a cruzar as fronteiras”, mantén Rei.

“O círculo de silencio é parte destas accións”, engade. Con el buscan lembrar as vítimas das políticas migratorias do Estado español e da UE, e reivindicar os seus dereitos. Esta protesta silenciosa lévase a cabo en Compostela, na Coruña, en Lugo e en Pontevedra de forma regular e, puntualmente, tamén se realizan actos noutros puntos do país.

Por todo isto, desde a entidade animan a todas as persoas que poidan a unírense cada primeira quinta feira de mes a estas mobilizacións a participar nelas porque “estas accións funcionan cando a xente se mobiliza, iso é o importante”, conclúe Rei.