venres 24/09/21

De cando a guerra en Siria saltou a París

Comeza o xuízo polo ataque indiscriminado de comandos do ISIS a civís.
Le_Bataclan_2019_FlorenceJeux_CC
A sala de música Bataclan, onde un comando entrou con fusís de asalto AK-47 e disparou contra os asistentes a un concerto (Foto: Florence Jeux / CC)

Salah Abdeslam, o cidadán francomarroquí considerado o único supervivente do grupo que en 2015 realizou un ataque indiscriminado contra civís en París, sentou esta cuarta feira no banco de acusados. "En primeiro lugar, quero testificar que non hai máis deus que Alá. E que Mahoma é o seu servidor e o seu mensaxeiro", dixo. "Iso verémolo máis tarde", retrucou Jean-Louis Peries, presidente do tribunal que o xulga. 

O vello Palacio da Xustiza de París é o escenario do proceso contra el e outras 19 persoas implicadas na morte de 130 persoas en seis restaurantes e bares, na sala de concertos Bataclan e o  estadio deportivo de Saint-Denis o 13 de novembro daquel ano. Ademais, houbo case 400 feridos. 

Estado Islámico (ISIS) reivindicou aqueles ataques, que se produciron tras pedir aos seus seguidores represalias contra os países que como Francia estaban a combater a organización fundamentalista islámica no Iraq e en Siria. Vestido de negro, Abdeslam baixou a máscara negra que portaba sobre a súa barba negra para declarar. Preguntado pola súa profesión, respondeu con calma: "Renunciei a calquera profesión para me converter nun soldado de Estado Islámico".

O proceso durará nove meses, un "maratón xudicial sen precedentes", en palabras do ministro de xustiza francés, Eric Dupond-Moretti, segundo recolleu Le Monde. Dos 20 acusados, 11 están xa en prisión á espera de xuízo, e seis serán xulgados in absentia (en rebeldía), aínda que se cre que xa faleceron. A maioría afronta unha pena de cadea perpetua.

As próximas semanas dedicaranse á presentación das demandas (unhas 1.800, segundo Libération). Non será até o 28 de setembro que comecen os testemuños das vítimas do ataque dos tres comandos, armados con AK-47 e portando chalecos suicidas. Unha semana dedicarase aos que se produciron no Stade de France, en Saint-Denis, e nos cafés do centro; e catro, á sala Bataclan, onde estaba a actuar a banda estadounidense de rock alternativo Eagles of Death Metal.

En novembro comezará o interrogatorio aos acusados, que non obstante non responderán até marzo do ano que vén sobre os detalles daquela noite e da semana previa. O veredicto está previsto para maio de 2022. 

Francia e ISIS, unidos polo diñeiro

A cementeira francesa Lafarge está acusada de pagar perto de 13 millóns de euros a grupos xihadistas, incluído Estado Islámico, para asegurar o funcionamento da súa planta no norte de Siria nos primeiros anos da guerra, desde 2011 a 2014. A acusación fora desestimada en primeira instancia, mais o Tribunal de Casación ─máxima corte de xustiza gala─ acaba de anular a decisión, dando a razón ás ONG francesa Sherpa e alemá ECCHR. A multinacional recoñeceu pagos a intermediarios, mais nega a responsabilidade en que o diñeiro chegase ao ISIS. A corte de apelación rexeitara a acusación de crime contra a humanidade en 2019 ─aínda que mantivo as de "financiamento de terrorismo", "violación do embargo da UE" e "pór en perigo a vida doutras persoas". Porén, o Tribunal de Casación di que "un pode ser cómplice de crimes contra a humanidade malia non ter a intención de asociarse cos crimes cometidos". O 3 de decembro de 2015, dúas semanas despois dos ataques en París, o Parlamento rexeitou unha moción para investigar a responsabilidade de empresas galas no financiamento do ISIS.

comentarios