As familias monomarentais fican sen o dobre permiso de coidados

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
A CIG urxe garantir na lei o dereito á conciliación.

Na Galiza hai case 2.000 fogares monoparentais, o equivalente a máis de 10% do total de familias galegas, segundo datos da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. A CIG engade ao respecto que, dese conxunto, perto de 80% son familias “monomarentais”, é dicir, a persoa proxenitora é unha muller. 

Neste contexto, a CIG criticou onte unha sentenza ditada este mesmo mes polo Tribunal Supremo que rexeita a posibilidade de que nas familias dunha única persoa proxenitora se poida facer uso do dobre permiso por nacemento, o de maternidade e o de paternidade. É dicir, o Alto Tribunal denega a opción de que as familias cun só proxenitor poidan contar co mesmo tempo de coidados para as súas crianzas que aquelas biparentais. 

Desde o sindicato indicaron que se trata “dun fallo que anula unha sentenza favorábel do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSXPV), obtida por unha nai e recorrida pola fiscalía”. Porén, a pesar de que o Supremo non concorde coa posición do Tribunal vasco e anule a sentenza recorrida, mantén a decisión do TSXPV a favor da demandante. Ante esta situación, a secretaría das Mulleres da CIG reclama que se axilicen os cambios normativos necesarios para garantir os dereitos da familias monomarentais

Nesta liña, desde a CIG engadiron que “levamos meses sendo espectadoras ante a promesa do actual Goberno español dunha nova Lei de Familias para reforzar os dereitos de conciliación”; unha lei que “non contempla na versión actual do anteproxecto este dereito de goce dobre dos permisos por nacemento”. 

A Lei de Familias, impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais, foi aprobada o 13 de decembro do pasado ano polo Consello de Ministros e continúa en trámite parlamentario. Esta lei pretende, entre outras cuestións, dar resposta á discriminación das familias monoparentais incluíndo unha serie de medidas que faciliten a conciliación da vida familiar e a laboral das persoas que se encontran nesta situación, a gran maioría mulleres. 

Esta sentenza do Supremo -que crea xurisprudencia- chegou por sorpresa, xa que diversos Tribunais Superiores de Xustiza de distintas autonomías, entre elas o da Galiza, xa emitiran sentenzas favorábeis á suma de permisos.

Mulleres e crianzas, as máis prexudicadas

Desde a secretaría das Mulleres da CIG aseguraron que “son as mulleres e as súas crianzas as que principalmente son prexudicadas co actual sistema de goce destes permisos, mediante o cal se lle recoñece o dereito só a 16 semanas de suspensión”. Neste sentido, desde este sindicato insistiron en que “xustamente son as familias monomarentais as que máis dificultades de conciliación teñen, ao non existir dúas persoas para compartir o coidado, véndose na obriga, en demasiadas ocasións, de ter que recorrer a reducións de xornadas ou excedencias, diminuíndo os seus ingresos de maneira importante e afondando noutro problema que especialmente afecta as mulleres deste tipo de familias: o risco de exclusión social”.

Por todo isto, desde a CIG exixen que a Lei de Familias comece a súa tramitación e “corrixa o baleiro” no sistema lexislativo actual na equiparación de dereitos para as familias monomarentais e monoparentais. “Non queremos máis anuncios nin promesas, queremos dereitos reais xa”, reivindican.