A Xunta rexeita o proxecto de Lei de Familias do Goberno do Estado

Reclama que se manteña a familia numerosa.
A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Xoán Crespo)

O Goberno galego vén de formalizar alegacións ao anteproxecto de Lei de Familias aprobado o pasado 13 de decembro polo Consello de Ministras e Ministros. As reclamacións da Xunta da Galiza chegan despois que o Partido Popular expresase a súa oposición frontal ao texto impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais.

A proposta de alegacións formulada polo Executivo galego á Lei de Familias do Goberno do Estado denuncia que o anteproxecto lexislativo "invade competencias autonómicas, non foi elaborada coa participación e achegas das comunidades e afectará negativamente tanto as familias numerosas como as monoparentais".

As reclamacións da Xunta da Galiza atenden as demandas xa presentadas desde "diferentes asociacións e federacións" ligadas á dereita é á Igrexa católica. Así, "o Goberno galego reclama que non desapareza a denominación de familia numerosa" e "critica que entre a variada lista de familias que recolle a Lei non apareza esta tipoloxía".

O Executivo galego "alerta de que a normativa limita o concepto de familia monoparental e esquécese de que as comunidades xa teñen regulada esta tipoloxía". Na mesma dirección, sinala que "a Xunta concede un título acreditativo con vantaxes asociadas a estas familias".

O Goberno galego advirte de que "se non se modifica o borrador da lei, centos de familias na nosa comunidade perderán o título xa recoñecido". Precisamente, este é un dos aspectos do proxecto lexislativo máis cuestionados polas entidades vinculadas á dereita social, xunto coa negativa ao denominado "Pin parental", alternativa coa que se pretende prohibir o acceso dos escolares a información sobre a diversidade familiar.

Críticas á "falta de financiamento"

O Executivo galego critica, tamén, a ausencia de "financiamento para mellorar a vida das familias". A este respecto, apunta que "non contén ningún avance en relación á primeira etapa educativa dos nenos, polo que o Executivo central segue sen destinar un só euro a garantir a gratuidade das escolas infantís, medida pioneira da Xunta de Galiza e que está a ter grande acollida entre as familias".

As autoridades galegas aféanlle ao Goberno do Estado que "non quixo contar coa participación nin coas achegas das comunidades para elaborar este marco normativo que invade competencias autonómicas". Nesta perspectiva, reclaman "unha reunión presencial do Consello de Servizos Sociais para analizar o texto".

Comentarios