A CIG reivindica como "vivas e vixentes" as loitas obreiras das protestas do 10 de marzo de 1972

Paulo Carril no congreso da CIG. (Foto: CIG).
A Confederación Intersindical Galega organiza actos para conmemorar o 50 aniversario das mobilizacións do naval en que morreron dous traballadores.

O sindicato CIG reivindicou como "vivas e vixentes" as loitas obreiras que levaron á rúa os traballadores do sector naval de Ferrol o 10 de marzo de 1972, unhas protestas para reclamar un convenio colectivo propio para a antiga Bazán e nas cales morreron Amador Rey e Daniel Néboa.

A central nacionalista, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, e o responsábel comarcal en Ferrolterra, Manel Grandal, presentou hoxe os actos para conmemorar o 50 aniversario da efeméride dos disturbios baixo o lema 'Somos clase. Somos nación. A  loita continúa'.

"As reivindicacións do ano 72 están plenamente vivas e vixentes", sentenciou Carril, que cre que os motivos que levaron os traballadores a se manifestaren na cidade naval a comezos da década de 1970 continúan sobre a mesa, especialmente "no tocante á defensa do marco galego de relacións laborais".

O máximo responsábel do sindicato nacionalista incidiu en que "non haberá actuacións políticas críbeis de solución á crise se non hai solucións para Ferrol". "Nin PSOE nin PP están a actuar neste sentido. Ao contrario, as súas políticas van en contra dos intereses da comarca, como evidenciaron votando en contra dun novo dique de reparacións para o estaleiro de Ferrol", aseverou.

Actos conmemorativos

Manel Grandal detallou que o do 10 de marzo a CIG ten convocada unha manifestación que sairá ás 12,00 horas desde a porta principal de Navantia e finalizará no monumento ao 10 de Marzo, no barrio de Recimil, onde se fará a tradicional ofrenda floral.

Ademais, esta quinta feira, día 24 de febreiro proxectarase un documental elaborado pola CIG, titulado A semente de 1972, no cal se repasa o contexto socioeconómico e os sucesos daquel ano, e analízase e a súa transcendencia no movemento obreiro galego e na construción do sindicalismo nacionalista.

Xunto a isto, a CIG editou tamén un libro divulgativo e unha acuarela conmemorativa e ten convocadas asembleas de delegados en todas as comarcas para esta quinta feira, citas en que se poñerá en valor a vixencia das loitas do ano 1972.