A CIG-Ensino continúa mobilizándose contra os recortes de profesorado previstos pola Xunta

Unha imaxe da concentración fronte a San Caetano (Foto: CIG-Ensino)
O sindicado esixe que se manteña o mesmo persoal nos centros que neste curso que acaba de rematar

CIG-Ensino volveu se concentrar ás portas da Consellaría de Educación no último día do calendario escolar para demandar o mantemento dos cadros de persoal deste curso, defendendo que se manteñan as ratios e todos os desdobres autorizados.

O sindicato denuncia os pasos dados “polos responsábeis políticos da Consellaría de proceder a reducir dunha maneira destacada o total de profesorado interino contratado no curso e que a propia administración educativa cifra en 1.350 persoas con contrato de interinidade a tempo completo”.

A central especifica que esta cifra “non garda relación con todas as contratacións ‘de reforzo’ vinculadas con contratos-programa, cofinanciados co Fondo Social Europeo e o Ministerio e cos que a Consellaría pretende confundir á opinión pública”, denuncia.

Tamén piden un plan de reforzo e acompañamento para o alumnado de todas as etapas educativas, unha negociación da recuperación do horario lectivo do profesorado anterior aos recortes, 18 horas en secundaria e 21 en primaria

Así, o sindicato esixe que “se doten os centros educativos co mesmo persoal que durante este ano desempeñou un posto de docente a tempo completo en prazas necesarias para o correcto funcionamento dos centros educativos nunha situación que require ratios baixas e suficiente profesorado”.

Por iso piden que para o próximo curso 2021/2022 a Administración teña en conta prioridades como o mantemento de todos os desdorbes autorizados en Infantil e Primaria, autorizar os desdobres de aulas en ESO, Bacharelato e FP que se realizaron este curso e continuar cos mesmos postos de traballo creados este curso.

Ademais, a CIG-Ensino tamén pide que se amplíen as contratacións vinculadas con contratos-programas a todos os centros, “evitando discriminacións actuais e optando por contratos a xornada completa, limitando as contratacións a media xornada a casos totalmente excepcionais e co obxectivo de converter estes en postos fixos dos cadros de persoal”, sinalan.

Tamén piden un plan de reforzo e acompañamento para o alumnado de todas as etapas educativas, unha negociación da recuperación do horario lectivo do profesorado anterior aos recortes, 18 horas en secundaria e 21 en primaria; unha dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe necesario e o “cumprimento dos compromisos da Consellaría en materia de prevención de riscos laborais e sanitarios logo do requerimento da Inspección de Traballo tras a denuncia do sindicato”, puntualizan desde a CIG-Ensino.

Convocatoria urxente da Mesa Sectorial

O sindicato considera “unha falta de respecto que a Consellaría non convocase xa a Mesa de Negociación o Protocolo para o curso 2021/2022, incumprindo o compromiso de telo feito antes de rematar o período de actividade docente”, polo que reclama a Administración que “a proposta estea enriba da Mesa canto antes”.