A CIG chama á participación social nos actos polo Día da Patria Galega

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no feche do oitavo congreso da central sindical. (Foto: Nós Diario)
A central sindical aposta por unha "saída galega xusta" á actual crise económica.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) fixo esta quinta feira un chamamento á participación nos "actos convocados polo nacionalismo" co gallo do Día da Patria Galega.

Así, desde a central sindical reivindican "os dereitos da Patria Galega" porque "somos clase, somos nación, pobo traballador orgulloso e consciente da necesidade de decidir nós o noso futuro" para "poder vivir e traballar dignamente na nosa terra".

Ademais, a CIG cualifica como "necesidade vital para o futuro da humanidade" estabelecer unha "nova orde mundial asentada na paz, en pobos e nacións libres, soberanas, non sometidas nin dominadas, onde as relacións internacionais se dean en pé de igualdade".

A central nacionalista denuncia que este 25 de xullo de 2022 chega "nunha situación económica e social extrema na que se está a aproveitar a guerra en Ucraína para xustificar os altos prezos da electricidade, dos combustíbeis e de moitos bens de consumo básicos que xa arrastrabamos desde antes".

Por este motivo, a central sindical "reclama políticas públicas e salarios dignos que reduzan os efectos devastadores dos altos prezos, freen o imparábel medre do empobrecemento da clase traballadora e garantan unhas condicións de vida dignas para as maiorías sociais".

A CIG fixo no seu comunicado unha mención especial ao "oligopolio das empresas eléctricas" que, segundo sinala, "esténdese sen asumir os custos sociais, laborais e ambientais que provoca, mentres asistimos a un rexurdir especulativo ligado ás enerxías renovábeis".

Esta especulación, explican, está a provocar un maior "espolio dos nosos recursos derivado da situación de dependencia colonial que padecemos, para que nos sigan saqueando e estragando o noso territorio".

"Saída galega xusta"

A central sindical urxe "medidas extraordinarias de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais". "As políticas do PP na Xunta, antes con Feixóo e agora con Rueda, contribúen a agravar aínda máis esta situación, porque a saída que teñen deseñado para a crise é servil ao poder económico", sinala a CIG. Fronte a isto, apostan por un "plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos".