'Gañarmos o futuro', a campaña do BNG de cara ao Día da Patria Galega

Ana Pontón convida a participar da manifestación do 25 de xullo a todas as persoas "que queren unha saída xusta, social e galega" da crise.
Ana Pontón presentou a campaña esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón presentou a campaña esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta segunda feira a campaña da formación nacionalista de cara ao Día da Patria Galega, que decorrerá por todo o país e culminará coa gran manifestación que cada ano percorre as rúas de Compostela.

Baixo o lema 'Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha', Pontón convidou a participar destes actos a todas as persoas "que queren unha saída xusta, social e galega" da crise.

"Co lema deste 25 de xullo queremos trasladar a mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, un cambio que pasa por facernos valer como país", precisou a líder da oposición no Parlamento galego.

Este Día da Patria, afirmou Pontón, ten como pano de fondo  "unha situación de cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais"

Así, subliñou que o Día da Patria deste ano "ten como singularidade" unha escalada de prezos "que impacta na maioría social", e que ten tamén como pano de fondo "unha situación de cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais".

Neste contexto, Pontón destacou que a súa formación "está a pór sobre a mesa propostas solventes para axudar ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás pequena e medianas empresas que sosteñen a maior parte do emprego".

"Todos os gobernos deberían pór as persoas no centro das súas políticas, salvar a economía real, salvar a maioría social e evitar que esta crise a paguen os mesmos, as mesmas de sempre. As condicións e vida dos e das galegas é, a día de hoxe, a principal preocupación do BNG ante a maior crise de prezos en corenta anos", salientou.

A ollos de Pontón, o Goberno de Alfonso Rueda está "ausente e cun presidente insubstancial que en vez de aportar solucións busca escusas e a quen botar as culpas", ao mesmo tempo que o Executivo estatal "prioriza o gasto militar sobre os servizos públicos e a recuperación económica".

"Este 25 de xullo é un día para reivindicar que gañen os e as traballadoras, as familias, as persoas autónomas e as pemes e, por iso, convidamos a mobilizarse a todas as persoas que queren que nesta crise gane a maioría social fronte ás eléctricas, as petroleiras e as grandes multinacionais. Convidamos, en definitiva, a mobilizarse a todos os galegos e galegas que defenden algo de tan sentido común como que un traballador e traballadora poidan chegar a fin de mes", argumentou Ana Pontón.

Por último, presentou o Bloque como a "ferramenta" para "ese cambio galego", a través do traballo "con humildade, pero con toda a convicción para seguir sumando máis cidadanía para ese cambio".

Comentarios