Ciencia pública galega para entender o coronavirus

Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela nun laboratorio (Imaxe: Arxina).
Desde o mes de marzo, multiplicáronse nas tres universidades galegas os proxectos dirixidos a comprender o novo coronavirus e as súas consecuencias na saúde das persoas. Mais tamén a procurar unha vacina ou tratamento efectivos ou a analizar as consecuencias das medidas tomadas polas Administracións públicas na economía, nas familias ou na saúde mental. 

Opasado 24 de xullo, a Real Academia Galega das Ciencias homenaxeou ás investigadoras e investigadores da Galiza que nestes meses focalizaron os seus esforzos en proxectos e propostas de investigación arredor da Covid-19 e premiou vinte deles, os impulsados polas universidades galegas da Coruña. Compostela e Vigo que recibiron financiamento de diversas institucións galegas, estatais ou europeas. 

"A ciencia galega soubo estar á altura das circunstancias, respondendo cun gran dinamismo e ilusión, fronte a crise e amosando unha extraordinaria vocación de servizo á sociedade, o que demostra unha vez máis a necesidade de manter un tecido científico de calidade", afirmou o presidente da Real Academia, Juan M. Lema Rodicio.

Os proxectos desenvolvidos desde o mes de marzo, cando a Organización Mundial da Saúde declarou pandemia a enfermidade causada polo coronavirus, mesturan disciplinas e ámbitos.  Investigadoras e investigadores afondan nas causas e consecuencias dun virus que puxo o mundo patas arriba, nun contexto no que as voces da investigación reclaman financiamento e unha maior estabilidade

Subministros sanitarios

Nos primeiros meses da pandemia, investigadores e investigadoras das universidades galegas mobilizáronse para fornecer aos sistemas de saúde ou os centros residencias dos subministros sanitarios que tanto escaseaban.

Na Universidade de Santiago de Compostela (USC), fabricáronse 9.000 litros de xel hidroalcohólico nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría que foron entregados ao Servizo Galego de Saúde. "Creo que é como non podía ser doutro xeito", asegurou a Nós Diario o coordinador dos traballos, o profesor do departamento de Enxeñaría Química Gumersindo Feijoo, cuestionado pola colaboración das universidades coa Administración pública.  "Esa é a virtude dunha universidade pública, temos que estar ao que mande a sociedade", engadiu.

Ante a carencia de máscaras, o grupo de investigación Photonics4Life colaborou na creación de cofres que inhabilitan os virus, empregados para esterilizar as empregadas polo persoal so Sergas para permitir a súa reutilización. Nesa mesma vía, a iniciativa EscudoCovid-19 rematou maio con 56.000 pantallas de protección producidas na Galiza. O seu impulsor e director do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx), José Luis Martínez Lastra, amosou a súa satisfacción: "Con evitar un contaxio, o traballo mereceu a pena".

Non foi a única ferramenta nada no Cintexc, onde tamén foron deseñados e producidos da man de empresas da contorna, un dispositivo para abrir as portas evitando o contacto directo ou adaptadores fabricados con impresoras 3D para converter máscaras de mergullo en dispositivos de respiración para pacientes con coronavirus. 

Na busca dun tratamento

Mentres as universidades contribuíron a achegar subministros á Administración pública, os equipos de investigación puxéronse en marcha para analizar fármacos xa existentes no mercado e a súa eficacia para o tratamento da Covid-19 ou uníronse á carreira na procura dunha vacina eficaz.

No segundo eido, a USC lidera dous proxectos financiados polo Instituto de Saúde Carlos III, a través do seu Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e baixo a coordinación dos investigadores José Martínez Costas e Javier Montenegro.

O grupo que dirixe Martínez Costas entrou a comezos do mes de xullo nunha nova fase, após recibir o financiamento da Comisión Europea para levar a cabo probas preclínicas en animais que permitirán, se os resultados son satisfactorios, "chegar até a fase clínica de ensaios humanos", como explicou o propio coordinador da investigación.

No caso de Montenegro, as súas pescudas entróncanse nas vacinas baseadas no material xenético (ARN ou ácido ribonucleico) mensaxeiro, que "engana" ao corpo para provocar unha resposta inmune. A dificultade que entrañan é atopar o "portador" adecuado que "transporte" este material xenético. O seu obxectivo é, precisamente, atopalo. "As vacinas de ARNm teñen un gran potencial debido á súa flexibilidade, seguridade e desenvolvemento rápido", sinalou Montenegro, quen se amosou optimista a comezos do pasado mes polos primeiros avances dos labores.

Neste mesmo eido traballa tamén o laboratorio dirixido pola catedrática da USC María José Alonso, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC.  O seu equipo procura "vehículos" que simulan virus artificiais para a protección e transporte do ARN ás células diana.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 4, nos quiosques ou na nube]