Jorge Mira, catedrático USC: "Madrid tíñase que ter fechado antes"

Jorge Mira ollando as análises da investigación (Nós Diario)

Jorge Mira, catedrático da Universidade de Santiago (USC) forma parte dun equipo de investigación no que participan tamén, as universidades de Vigo, Aveiro e o CSIC. O traballo conxunto avanzou que abril sería un punto de inflexión na pandemia. Agora son quen de poñer data ao fin da actual situación.

En que consiste a metodoloxía que propoñen para determinar o alcance da pandemia?

Suxerimos que se faga unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais, o que vai facer agora o Estado español con algo máis de 60.000 probas entre a poboación. É un sistema que se utiliza tamén para as medidas de audiencia na Galiza. Aquí con 2,7 millóns de habitantes utilízanse algo máis de 300 audímetros que cobren unhas 850 persoas. Con ese número es quen de facer un retrato do reparto da grella televisiva. Coas probas que realizará o Goberno multiplican por catro ou cinco esa cifra, polo que a precisión que vai ter será máis do dobre.

Como se realizará esa mostra?

Ten que ser aleatoria. Até agora fixéronse moitas probas mais sempre a grupos: persoal sanitario, policía,... non é útil a nivel  estatístico. Farase un sorteo a través do Instituto Nacional de Estatística. Todo o mundo agarda que haxa moitos máis casos dos que se pensan. Cando comezamos coa investigación no equipo xa comentamos que algo fallaba. Non podía ser que o número de infectadas e infectados fose o dato oficial. Tiñamos o caso de Corea. O número de mortos no Estado español é 80 veces maior que o de Corea e podería chegar a ser 100 veces máis que as dese país. Aquí ten que haber moitas máis persoas infectadas. As propias mortes era un número que tiña que ser maior. Seguramente houbo persoas falecidas por pneumonía, mesmo antes do estado de alarma, que tiveron que estar relacionadas. As infectadas non detectadas son unha das grandes fontes de difusión da COVID-19. Aínda que unha persoa infectada asintomática non detectada non propaga tanto como un enfermo en fase aguda, que si é perigoso, como son tantos casos si afecta.

Empezamos a pensar un modelo non paramétrico que vai nunha liña distinta aos modelos matemáticos. Aquí, se os datos non funcionan, os modelos matemáticos describen unha realidade que non é a que existe. Usamos aproximacións de referencias distintas que se basean na observación de datos doutros lugares. Mais chegou un momento en que o Estado español estaba diante de todo o mundo e xa non era aplicábel.

Afirmades que faltan 45 días para rematar con esta situación. Non é moito?

Xa pasamos o pico e agora o número de persoas infectadas está caendo. A subida é sempre exponencial. Se non fas nada infectaríase 90% da poboación mundial e teriamos 40 millóns de mortes. Co confinamento a caída é mais longa no tempo.

Até que a epidemia non sexa global para que todos nos inmunicemos, estaremos así até 2022

Un matiz importante é que estamos a falar do primeiro andazo. Teño claro que vai haber máis. Se miras traballos científicos con outros coronavirus diferentes a este, sabemos que son estacionais. Agora é probábel que co verán se reduza, mais cando chegue outubro ou novembro teremos outra subida. Se alguén pensa que isto remata en xuño está moi equivocado. Haberá andazos no outono-inverno e volverá caer. Até que a epidemia non sexa global para que todos nos inmunicemos, estaremos así até 2022.

Coas mesmas medidas de confinamento?

Depende. Este é mais forte por ser o primeiro. A “vantaxe” é que a xente aprendeu e os gobernos escarmentaron. As recomendacións do Fondo Monetario Internacional son de que se ten que aumentar o gasto público, en contraposición ao que se dixera cando fora a crise do Lehman Brothers na que pedían recortes. Agora din que hai que investir máis en sanidade. É unha crise diferente e a receita ten que ser oposta á de hai unha década. Na medida en que o mecanismo de realizar as mostras mellore, e vai mellorar, isto vai quedar máis contido.

Pasoulle a Corea coas primeiras epidemias das que aprendeu a lección. Aínda estando pegado a China, superou esta pandemia con 200 mortes. Aquí no momento que volva a pasar a xente avisará, realizaranse as probas e irá máis lento. Os sistemas de sanidade estarán máis preparados e a propia sociedade tamén. Agora ben, mentres non teñamos vacina, vai volver. Temos experiencias históricas como a gripe de 1918 que tivo varios andazos e durou até 1920. Foi matando xente e inmunizando outras en quendas até desaparecer. 

Cre que os Gobernos aprenderán a lección?

Creo que si. Cometéronse moitos erros. Por exemplo, Madrid tíñase que ter fechado antes. A estrutura territorial do Estado español é radial, cun centro que emana poder e influencia. Neste caso emanou infectados. A maior parte dos primeiros infectados na Galiza viñan de Madrid. China, por exemplo, cando tivo o problema en Wuhan fechou esa zona e non toda a China. O Estado español é o peor país do mundo para isto.