Veciñanza das cidades e do rural marcha xunta en Ferrol contra o “espolio eólico”

Manifestación contra o espolio eólico este domingo en Ferrol. (Foto: Vento Mareiro)

“Están a roubarnos un futuro verdadeiramente sustentábel e pretenden maquillar o seu espolio de burla verde”

Centos de persoas marcharon este domingo polas rúas de Ferrol para denunciar o “espolio eólico” planificado na Galiza, tanto na terra como no mar. Logo de Foi polo Vento, na Coruña; Veu polo Ar, en Vigo; e Un Vento Vén, en Lugo, esta fin de semana foi a quenda de Vento Mareiro, en Ferrol.

Así, convocadas polo colectivo Vento Mareiro (que agrupa máis de 60 entidades de todo o país), manifestantes “das cidades e do rural” denunciaron a “destrución dos ecosistemas mariños e terrestres que permiten a vida dos pobos pesqueiros e do mundo rural galego só para beneficio das grandes empresas do oligopolio enerxético e especuladores extranxeiros”.

Segundo Vento Mareiro, a Galiza xa produce “máis enerxía renovábel que a que consome, polo que calquera nova instalación de polígonos industriais eólicos só é para enriquecemento destas empresas vendendo a enerxía fóra, afondando no modelo de espolio colonial da nosa Terra”.

Non é sustentábel instalar polígonos eólicos sobre os caladoiros tradicionais da pesca, sobre as rutas migratorias das aves mariñas, sobre os montes que alimentan os acuíferos, sobre as terras agrarias, sobre os ecosistemas que a Xunta da Galiza se nega a protexer bloqueando a ampliación da Rede Natura”, denuncia o colectivo, alertando de que “están a roubarnos un futuro verdadeiramente sustentábel e pretenden maquillar o seu espolio de burla verde”.

Vento Mareiro denunciou igualmente o “apoio” das Administracións públicas que lexislan “á medida dos intereses das empresas”, “entorpecendo” o dereito da veciñanza á información e participación nas decisións que afectan ao seu modo de vida. Recordaron, igualmente, que a Xustiza recoñeceu que estes dereitos foron vulnerados en non poucos casos, como os da veciñanza de Amil, en Moraña (comarca de Caldas), que “defende o monte Acibal e os seus petróglifos das voaduras da empresa Norvento”.

“Após a paralización de varios proxectos polo TSXG denunciamos a campaña de acoso á independencia deste tribunal por parte da patronal eólica co apoio cómplice dalgúns sectores da clase política, determinados medios de prensa e sindicatos máis ocupados en defender os intereses da patronal que os das clases populares”, denuncia Vento Mareiro, alertando igualmente da “agudización” dos problemas de despoboamento e da “destrución” de emprego en vilas, aldeas e cidades que “traerán os macropolígonos eólicos”.

Ante o recente anuncio da Xunta da Galiza da creación da sociedade mixta público-privada Recursos da Galiza, Vento Mareiro “berra alto e claro o noso rexeitamento o modelo de depredación extractivista, tanto se é en beneficio de capital extranxeiro como do pretendidamente galego”.

Por estes motivos, as manifestantes exixiron este domingo en Ferrol “a inmediata paralización” dos proxectos eólicos en curso e avogaron por un modelo enerxético “transparente, xusto e descentralizado, en mans públicas, enfocado nas necesidades locais, potenciando as comunidades enerxéticas e reducindo o consumo. Unha economía local baseada nos coidados das persoas e dos ecosistemas”.