Enerxía

A CIG rexeita a proposta do Goberno español e exixe que se manteña a capacidade "íntegra" de Meirama e As Pontes

Central térmica de Endesa no municipio das Pontes. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
Para o responsábel de enerxía da CIG, Fernando Branco, a proposta do Estado "non é máis que un parche para Meirama que hai que entender nunha chave puramente electoralista".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifestou na reunión do comité executivo da enerxía, que depende da Xunta, o seu "total rexeitamento" á proposta de capacidade de evacuación que trasladou o Ministerio de Transición Ecolóxica para a central de Meirama.

Segundo informa nun comunicado, a central nacionalista tamén se opón ao procedemento para adxudicar este dereito "sen as garantías dun concurso público competitivo".

Respecto diso, reitera a súa "firme demanda para que se cumpran cos compromisos adquiridos, se reatribúa a Meirama e As Pontes a capacidade total de evacuación liberada tras o fechamento das centrais e se inicie xa os trámites para sacar a poxa de transición xusta".

Na reunión, indica a CIG, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética informou da proposta trasladada en maio polo Ministerio a respecto da capacidade de evacuación asignada para Meirama, que até o de agora non tiña Megawatts (MW) dispoñíbeis.

A capacidade atribuída é "inferior á que tiña a central de Fenosa e, ademais, o Goberno estatal pretende que a súa adxudicación se faga mediante orde ministerial e non a través dun concurso público", censura.

Para o responsábel de enerxía da CIG, Fernando Branco, esta proposta "non é máis que un parche para Meirama que hai que entender nunha chave puramente electoralista".

Para As Pontes "segue sen ofrecerse ningún tipo de solución" e contar con esta capacidade de evacuación é "o elemento diferencial que teñen ambas as comarcas para poder contar cun proxecto con garantías reais de reindustrialización", advirte.

“Simples anuncios”

O resto, conclúe, son "simples anuncios cuxa materialización depende en exclusiva do interese e da decisión, segundo as circunstancias, de cada empresa promotora".

Branco engade que a "escaseza" de MW para atender a demanda de conexión á rede "pola proliferación de instalacións de enerxías alternativas" fai que sexa "un recurso á alza". "Ter o dereito de evacuación ten un alto valor para o territorio, ao que a CIG non está disposta a renunciar", apostila.

Nos denominados nós de transición xusta estaba previsto que as comarcas afectadas polo fechamento das centrais térmicas mantivesen a capacidade de evacuación nominal asignada a estas instalacións, 550 MW no caso de Meirama e 1.400 no das Pontes, e que a súa adxudicación se fixese mediante concurso público.

Con todo, segundo reproba a central sindical, Rede Eléctrica Española determinou que tanto Meirama como As Pontes teñan "0 capacidade de conexión, dispoñendo destes MW noutros puntos da rede eléctrica".