As chuvias na Galiza baixarán 13% en 2100 segundo un estudo

As chuvias baixarán de continuaren as actuais políticas relativas ao cambio climático (Foto: J. Ossorio Castillo / Adobe Stock)
O Estado español podería perder máis de catro puntos do Produto Interior Bruto (PIB) até 2050 se se mantiveren as actuais políticas mundiais relativas ao cambio climático.

As precipitacións poderían caer 13% na Galiza a finais de século se se mantiveren as actuais políticas mundiais de descarbonización, mentres que as temperaturas poderían aumentar 1,3 graos centígrados para 2050, segundo un estudo publicado pola entidade Oikos.

Con todo, nun escenario de acción inmediata e ordenada que lograse alcanzar os obxectivos dos acordos de París, as choivas na Galiza aumentarían 0,4% para 2100, mentres que as temperaturas subirían 0,8ºC en 2050, segundo este traballo.

O informe parte das análises realizadas por prestixiosas entidades, entre elas a Network for Greening the Financial System (NGFS), ou o grupo dos principais científicos climáticos, que estabelece escenarios que oscilan entre as políticas actuais de descarbonización no ámbito, unha transición desordenada e fragmentada e unha acción inmediata e ordenada que lograse alcanzar os obxectivos de París.

Este documento tamén indica que o Estado español podería perder máis de catro puntos do Produto Interior Bruto (PIB) até 2050 se se mantiveren as actuais políticas mundiais relativas ao cambio climático.

O estudo reflicte que o Estado español "mostra unha especial vulnerabilidade debido ás súas propias circunstancias xeográficas e económicas, polo que unha transición enerxética ordenada resulta esencial", segundo este informe de Oikos.

De manterse as actuais políticas globais de descarbonización, a "maior vulnerabilidade" do Estado ante a "inacción climática" podería causar unha caída no PIB de até 4,4% en 2050, que quedaría nunha redución de 3,3% no escenario de descarbonización desordenada e en 1,5% no caso de que se acometese unha transición ordenada, segundo as mesmas fontes.

Esta diminución do PIB acentuaríase, segundo estas proxeccións, ao longo da segunda metade do século e podería alcanzar o 7% do PIB, no caso da inacción climática.

Os cálculos contidos no informe recollen tamén un impacto inflacionario provocado polo efecto do despregamento e aumento do prezo ás emisións, que eleva o custo da enerxía. Este impacto oscila máis de 3 puntos en función dos escenarios e sería máis pronunciado nunha transición desordenada e fraccionada, no que os prezos poderían aumentar até 6%.

O informe constata, así mesmo, múltiples ramificacións e impactos de segunda orde, que poderían incluír rupturas nas cadeas de subministracións ou crises migratorias cun potencial impacto de desestabilización política tanto na UE como noutras rexións do mundo.

Tarefa mundial

As principais conclusións do informe poñen de manifesto que "a loita contra o cambio climático só pode ser efectiva se é mundial a medio e longo prazo, con políticas públicas aínda non despregadas, pero non con medidas unilaterais sen coordinación internacional", asegura o cofundador de Oikos, Toni Timoner.