Sete preguntas e respostas sobre a nova Lei de benestar animal

As persoas propietarias de mascotas deben ter durante toda a vida do animal un seguro de responsabilidade civil. (Foto: Nós Diario)
O texto, entre outras cuestións, prohibe a venda de animais en tendas, o uso de animais en circos e beléns, a súa exhibición en zoos e novas obrigas para os donos e donas.
  1. Debo facer un curso de formación?
  2. ...E se xa teño mascota, tamén o fago?
  3. Como podo alimentar o animal?
  4. Haberá animais no circo? E no zoo?
  5. Onde podo ir coa miña mascota?
  6. Podo sacrificala se é vella ou está enferma?
  7. Que papel xogan as protectoras e as administracións?

A Lei de benestar animal, aprobada definitivamente esta quinta feira polo Congreso, afecta todos os animais de compañía e silvestres en catividade, agás os cans de caza, de garda e de traballo, que quedaron excluídos da norma por unha emenda presentada polo PSOE e que obtivo o respaldo do PP, Vox, Ciudadanos, Coalición Canaria e PNV. O texto prohibe a venda de animais en tendas, o uso de animais en circos e beléns, a súa exhibición en zoos e novas obrigas para os donos e donas, entre as que figura a realización dun curso de formación que certifique a aptitude dos mesmos ou a posta en marcha dun novo sistema de rexistro de animais e criadores.

Os vertebrados deberán vivir en condicións "dignas" que garantan o seu benestar, dereitos e desenvolvemento saudábel e, en concreto os que viven en gaiolas, acuarios ou terrarios terán que dispor dun espazo axeitado. Con todo, a lei estabelece que as condicións para cada especie desenvolveranse regulamentariamente. Á hora de educar ou manexar o animal, non se poderán usar métodos que provoquen sufrimento, ansiedade ou medo e queda prohibido deixalos dentro de vehículos fechados, expostos a condicións térmicas ou de calquera outra índole que poidan pór a súa vida en perigo. Cada animal, aliás, terá que pasar un recoñecemento veterinario periódico que quedará rexistrado.

Os animais tamén terán que estar permanentemente localizados e identificados e, en caso de perda ou roubo, deberase comunicar ás autoridades nun máximo de 48 horas, xa que tampouco se pode deixar ningún animal sen vixilancia durante un máximo de tres días, algo que no caso dos cans non poderá superar as 24 horas consecutivas. A nova norma responsabiliza o titular dos danos, prexuízos ou molestias que estes poidan provocar a persoas, outros animais ou cousas, espazos públicos ou o medio natural, e decreta un réxime de sancións.

Tras a entrada en vigor da lei, dentro de seis meses, quedará prohibido calquera tipo de abandono e malos tratos, agresión ou neglixencia que provoque ao animal sufrimento, dano físico ou psicolóxico ou a súa morte; deixar animais soltos, especialmente en parques nacionais, espazos naturais onde pastan rabaños ou outros protexidos onde poidan causar danos ás persoas, o gando ou o medio natural.

Debo facer un curso de formación?

Si. O artigo 30 da nova lei decreta a obrigatoriedade para todas as persoas que opten a ter unha mascota —o texto refírese explicitamente a cans, mais desde o Ministerio de Dereitos Sociais precisaron que se estende a todos os animais domésticos— deberán "acreditar a realización dun curso de formación" para a súa tenza. O curso terá unha validez indefinida, será gratuíto e os contidos determinaranse "regulamentariamente".

Estará dispoñíbel na modalidade en liña e tanto as persoas titulares como os propios animais deberán superar xuntas un test para "valorar a súa aptitude para desenvolverse no eido social". O propietario ou propietaria deberá obter unhas nocións básicas "no manexo, tenza e coidado de animais".

...E se xa teño mascota, tamén o fago?

Está por ver se as persoas que xa teñen mascotas antes da entrada en vigor da lei deberán tamén someterse a este exame e se haberá outra opción alén da dixital para realizalo. O que si será preciso para todas é dispor dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que inclúa na súa cobertura as persoas responsábeis dos cans, por un importe suficiente para sufragar os posíbeis gastos derivados, durante toda a vida do animal.

Como podo alimentar o animal?

Non se poderá alimentar os animais con vísceras, cadáveres e outros refugallos de animais que non superasen os oportunos controis sanitarios, nin se lles poderá usar reclamo, recompensa, premio, rifa ou promoción publicitaria. Prohíbense, ademais, as pelexas de cans ou o seu adestramento ou instigación a agredir outros animais ou persoas.

Haberá animais no circo? E no zoo?

Está prohibido empregar animais en espectáculos públicos, en actividades artísticas turísticas ou publicitarias que lles causen anguria, dor ou sufrimento, malia que quedan fóra deste punto os espectáculos taurinos. Tamén se eliminan "en todo caso" as atraccións mecánicas ou carruseis de feira e o uso de animais silvestres nos circos, así como usalos de forma ambulante ou exercer a mendicidade valéndose deles, agás as persoas sen fogar, que si poderán estar acompañadas dos seus animais.

Tampouco poderán participar animais en exposicións de beléns, cabalgatas ou procesións nas que o animal se manteña de forma incompatíbel co seu benestar, nin tampouco poderán participar en romarías e feiras cando houber exceso de calor. Non acontece o mesmo cos zoolóxicos, que poderán seguir prestando os seus servizos.

Onde podo ir coa miña mascota?

Unha vez entre en vigor a norma, poderase acceder con animais de compañía aos medios de transporte, espazos públicos, estabelecementos públicos e privados, aloxamentos hostaleiros, restaurantes e bares. Igualmente, terán acceso libre a edificios e dependencias públicas e aos albergues, refuxios, centros asistenciais destinados á atención de persoas en risco de exclusión social, persoas sen fogar ou vítimas de violencia de xénero.

Podo sacrificala se é vella ou está enferma?

Non. Queda expresamente prohibido o sacrificio de animais en calquera circunstancia, por exemplo, vellez, enfermidade, non atopar un adoptante ou por cuestións económicas, excepto baixo eutanasia xustificada e controlada por veterinario só no caso de evitar ao animal o sufrimento por causas non recuperábeis que comprometan a súa calidade de vida.

A mutilación ou modificación corporal permanente é igualmente ilegal, e ningún animal vertebrado poderá estar atado ou deambulando sen supervisión nin se poderá manter de forma habitual a cans e gatos en terrazas, balcóns, azoteas, rochos, sotos, patios e similares ou vehículos, nin levar animais atados a vehículos de motor en marcha.

A selección xenética que conleve alteracións graves na saúde do animal tamén se elimina, igual que a cría comercial de calquera especie de animal por criadores que non estean inscritos no Rexistro de Criadores de Animais de Compañía, que tamén é de nova creación, así como tampouco se poderá vender cans, gatos e furóns en público nin exhibilos en escaparates. Queda prohibida do mesmo modo a venda na internet de calquera tipo de animal.

Que papel xogan as protectoras e as administracións?

Coa nova lei crearanse unha Listaxe de especies silvestres que se poden ter como animais de compañía e un Consello Estatal de Protección Animal, que será un novo órgano consultivo do Ministerio e no que participarán as comunidades autónomas, a FEMP e organizacións sectoriais ao que asesorará un —tamén de nova creación— Comité Científico e Técnico.

Créase a tamén a Estatística de Protección Animal e terase que elaborar un Plan Estatal de Protección Animal e plans territoriais, que deberán incluír medidas orientadas a eliminar os malos tratos animais e a reducir o abandono. Os concellos quedarán obrigados a recoller durante 24 horas animais extraviados e abandonados e aloxalos nun centro de protección animal, propio ou ben a través de acordos con entidades privadas.

Os centros públicos de protección animal estarán obrigados a esterilizar aos cans, gatos e furóns que cheguen a estes centros. Por último, antes de que remate este ano, no prazo de tres meses á entrada en vigor da norma o Goberno estatal deberá presentar un proxecto de Lei de grandes simios para complementar a norma.