O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta cuarta feira un Real Decreto que compila varias modificacións de normas, xa en vigor, e crea algunhas novas ferramentas co fin de mellorar o benestar animal nas granxas e facilitar os controis oficiais que levan a cabo as autoridades.
En concreto, esta normativa, que acompaña o Plan estratéxico para a aplicación no Estado español da Política Agraria Común (PAC), prevé a creación formal da mesa de coordinación sobre benestar e protección dos animais.
Así mesmo, estabelece a existencia dun centro a nivel estatal de referencia para os ámbitos gandeiro e acuícola, que foi designado no Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Catalunya (IRTA), en consorcio coa Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), por un período de dous anos.
O Real Decreto modifica varias normas en materia de protección dos animais nas granxas, así como de información da cadea alimentaria e sobre o sacrificio de urxencia en explotación.
Igualmente, modifícanse as normas mínimas para a protección de porcos para mellorar as condicións das granxas e o manexo dos animais, para o que se estabelecen requisitos máis específicos que os actuais, adaptados ao coñecemento científico existente na actualidade.
Densidade máxima de animais
A normativa impón novos valores no relativo á densidade máxima de animais nas granxas e novas condicións respecto da súa alimentación, auga, comedeiro e condicións ambientais.
Tamén se regula sobre a dispoñibilidade de material manipulábel para os animais, co fin último de diminuír a necesidade de practicar o corte de colas dos porcos. As granxas xa existentes disporán de dous anos para realizar as adaptacións necesarias.