Eis as chaves da proposta do Goberno español para a reforma completa da Abau

Facultade de Matemáticas da USC. (Foto: Nós Diario)

O Executivo estatal presentará nesta cuarta feira o novo modelo ás Consellarías de Educación e ás Universidades do Estado español.

  1. Reforma gradual
  2. Menos probas 
  3. Exame xeral de madurez académica

O Goberno español, a través do Ministerio de Educación, presentará esta cuarta feira ás Consellarías de Educación e ás Universidades a proposta de novo modelo de selectividade, coa que se pretende dar un cambio completo ao proceso de acceso aos estudos universitarios no Estado español.

Reforma gradual

A intención do Executivo de Pedro Sánchez é que o novo modelo de selectividade sexa aplicado de maneira gradual, comezando a partir do curso que inicia este setembro. Así, os diferentes cambios e modificacións da proba de acceso á universidade iríanse integrando no actual sistema até a súa aplicación definitiva no ano académico 2026/2027.

Menos probas 

Unha das principais novidades da nova selectividade para o período intermedio até 2027 será a redución do número de exames aos que se ten que enfrontar o estudantado. Co actual modelo, na Galiza lévanse a cabo cinco exames na parte xeral, e entre dous e catro na parte específica e de modalidade. Nas autonomías que non contan con lingua oficial propia a parte xeral consta só de catro probas.

Coa proposta de Educación, a parte xeral quedaría só en catro exames (Historia da Filosofía, Historia do Estado español, o exame da modalidade escollida por cada estudante e un cuarto exame que xuntará castelán, galego no caso da Galiza e unha lingua estranxeira), mentres que a parte opcional quedaría nun máximo de dous exames específicos de cada modalidade.

A partir de 2027, realizaríanse só un máximo de catro probas: unha obrigatoria da modalidade de Bacharelato escollida por cada alumno ou alumna, un máximo de dúas optativas da mesma modalidade, e unha proba xeral de madurez académica que integrará os exames de Filosofía, Historia do Estado español e as diferentes linguas.

Exame xeral de madurez académica

Este novo exame, que terá un peso de 75% da nota da parte xeral, estará composto de tres partes, cunha duración total de 100 minutos. A primeira delas, de 15 minutos, consistirá na lectura e comprensión dunha serie de documentos, fotografías e outros contidos, relacionados co mesmo tema, que servirán para desenvolver as outras dúas partes.

A segunda parte, de 40 minutos, constará de entre 15 e 20 preguntas, das que dúas ou tres estarían na lingua estranxeira, destinadas a aplicar os coñecementos adquiridos de cada alumno ou alumna en relación ao tema dos documentos da primeira parte.

Os últimos 45 minutos estarán destinados a responder tres preguntas (unha delas na lingua estranxeira) de maneira aberta, seguindo o formato dos actuais comentarios críticos.